FSC-CCOO Galicia | 19 abril 2024.

8M Todo o ano, todo o tempo. POLA IGUALDADE DE XÉNERO
  • Menú Documentos

    Trinta semanas sen noticias da conselleira de Política Social

      Nunha nova xornada de mobilizacións, e xa van trinta, o persoal dos centros residenciais denuncia a deterioración do servizo público por parte da Consellaría de Política Social. En todo este tempo, o departamento que dirixe Fabiola García foi incapaz de dar resposta ás demandas formuladas polos sindicatos.

      19/02/2021.
      Concentración do persoal dos centros residenciais de Política Social (18-2-2021)

      Concentración do persoal dos centros residenciais de Política Social (18-2-2021)

      Desde o ano 2012, a Xunta de Galicia practicou un «brutal» recorte de dereitos regulados no convenio e amortizou postos de traballo que, co tempo, demostraron ser moi necesarios para facer fronte a situacións como a actual.

      A «desfeita» na xestión tradúcese en que a taxa de interinidade en Política Social é de arredor do 50 %. A situación fai que moitos centros traballen a mínimos dos seus efectivos, producindo unha sobresaturación e o aumento dos sinistros laborais e baixas por enfermidade profesional. Non en van, Política Social é a Consellaría con máis accidentes de traballo.

      Malia a situación, case un ano despois de comezar a pandemia, Política Social non é capaz de organizar de forma homoxénea os seus centros. «Reina a descoordinación», critican CCOO e UGT.

      Segundo os sindicatos, os criterios dependen de cada xefatura territorial e incluso dentro de cada centro son as propias direccións as que, de xeito autónomo, deben planificar o servizo, sen contar cun plan deseñado de estruturación do seu persoal.

      A isto súmase o problema dos centros privados intervidos, onde presta servizo o persoal contratado ao abeiro das listaxes públicas da Xunta, pero que traballan nas lamentables condicións das empresas privadas.