FSC-CCOO Galicia | 25 abril 2024.

8M Todo o ano, todo o tempo. POLA IGUALDADE DE XÉNERO
  • Menú Documentos

    Un ano despois,continúan as mobilizacións en Vitrasa

    • O 17 de outubro, o Comité de empresa concentrouse diante das instalación da empresa Vitrasa

    O Comité de empresa concent rouse diante das instalación da empresa Vitrasa en Vigo reivindicando a maioria das deficiencias denunciadas e non resoltas: horarios de traballo e descanso ó longo da xornada, rexistro horario, contratacións, seguridade e hixiene laboral, uniformidade, Plan de Igualdade? e otros temas que teñen que ter una solución XA

    18/10/2019.
    Mobilizacións en Vitrasa

    Mobilizacións en Vitrasa

    En outubro de 2018, Vitrasa comprometeuse a solucionar decontado os problemas derivados dos atrasos ocasionados por obras, a realizar unha remodelación dos tempos de percorrido e a asegurar descansos para as condutoras e condutores en todas as liñas. Un ano despois, aínda esperando por estas melloras.
    Seguimos tendo un serio problema coa eventualidade. A pesar de que o ano pasado se realizaron contratacións de persoal indefinido, o cadro de persoal de Vitrasa traballa horas extra suficientes para contratar, polo menos, unha trintena de condutores/as, postos que reiteradamente se van cubrindo con persoal eventual en rotación que está seis meses e, a seguir, mándanos para a casa durante un ano, aproximadamente, para evitar facelos fixo. Para eses postos, contratan novos eventuais. Así mesmo, a estes traballadores e traballadoras non se lles respecta a orde de antigüidade na empresa á hora contratalos de novo, co cal fórzanos a realizar todos os mandatos requiridos (horas extra, traballar descansos, servizos especiais?) para sobresaíren por riba do resto e seren os primeiros no momento da seguinte contratación.
    Canto á recadación, se anteriormente botabamos en falta unhas maquinas de reconto, unha vez instaladas estas, atopámonos con problemas de diferenzas nas cantidades que se ingresan. Ademais, en caso de non estar de acordo co reconto, non temos posibilidade de anular a operación e recuperar o ingresado, co que debemos aceptar a operación e presentar unha reclamación por escrito que ás veces se ten en conta e outras non.
    O plan de igualdade segue caducado. A única mellora neste punto foi elevar aos 12 anos a idade dos fillos á hora de solicitar unha quenda concreta de vacacións. Outras melloras recollidas na actual negociación seguen á espera de aprobación. O plan de igualdade vixente caducou en 2014; levamos cinco anos á espera das novas melloras.
    A uniformidade segue sendo un problema porque, malia que se cambiou o tecido nunhas pezas, este non é do agrado de gran parte do persoal pois causa sudación excesiva, erupcións cutáneas, etc.
    Unicamente se colocou un váter químico nunha cabeceira de liña, a pesar das promesas de solución a este problema. Neste punto debemos facer participe ao Concello de Vigo, que no seu día se comprometeu a colocar, polo menos, unha decena de baños nos puntos máis necesarios para, na próxima concesión, esixirlle á empresa entrante a instalación no resto de lugares necesarios; a día de hoxe, non hai noticias pola súa parte. A estas promesas incumpridas polo Concello súmase a falta de resposta a posteriores solicitudes realizadas.
    Un novo gran problema ao que nos enfrontamos é o rexistro diario de xornada ordenado a inicios do verán polo Goberno. Vitrasa nega a posibilidade de cobrar o tempo traballado de máis aos traballadores e traballadoras da quenda da mañá no caso de se atrasaren na entrega do servizo ao traballador de tarde. Así mesmo, o persoal que pola noite remate o servizo atrasado ten que solicitar por escrito o aboamento dese tempo traballado de máis, a pesar de que o persoal de inspección deixa reflectido nun ordenador a hora de saída do persoal pola noite.
    Destaca, entre estas novas peticións, a inexistencia de servizo de transporte para o persoal en horas en que o servicio público de transporte non é regular. Isto obríganos a utilizar o noso transporte privado, o que resulta incomprensible nunha empresa de transporte público.
    A todos estes problemas sen solución engádense pequenas discrepancias operacionais internas que complican o día a día; a pesar de levarmos meses intentando solucionalas, Vitrasa limítase a negar a posibilidade de acometelas, deriva dunhas comisións de traballo a outras os diferentes problemas e o resultado é que estes seguen sen resolver.
    Tamén queremos deixar constancia da preocupación que nos causa o novo carril bici que está incorporando o Concello de Vigo. Preocúpanos moito, concretamente, a zona de Camelias, Pizarro e travesía de Vigo, que son compartidas coa circulación de autobuses: consideramos escasas as medidas de seguridade nestas zonas do seu trazado. Sobre este tema, remitimos cadanseu escrito ao Concello de Vigo e á empresa, e estamos á espera dunha valoración.
    Con estes problemas novamente expostos, desde o comité de empresa instamos a Vitrasa a que propoña unha solución inmediata ou, se non, retomaremos as medidas de presión suspendidas hai un ano.
    Desexamos facer ver á cidadanía a paciencia que está tendo este comité de empresa, aguantando promesas de solución desde hai un ano. Pedimos desculpas de antemán polas posibles accións que nos vexamos na obriga de levar cabo para poder desenvolver o noso labor cun mínimo de dignidade e garantías de calidade de servizo, tanto para traballadores como para usuarios.