FSC-CCOO Galicia | 25 abril 2024.

8M Todo o ano, todo o tempo. POLA IGUALDADE DE XÉNERO
  • Menú Documentos

    Asinado o plan de igualdade da compañía de tranvias de A Coruña

    • En novembro de 2019 constituíuse a mesa negociadora do plan de igualdade

    Para CCOO, asinouse un bo plan que recolle as medidas necesarias para facilitar a integración real en igualdade das persoas traballadoras; agora é a Comisión de seguimento a encargada de velar polo cumprimento dos indicadores específicos do plan, o nivel de desenvolvemento dos obxectivos concretos e o seu grao de cumprimento.

    30/11/2021.
    Asinado o plan de igualdade de tranvias da Coruña

    Asinado o plan de igualdade de tranvias da Coruña

    A Compañía de Tranvías de La Coruña S. A. é unha empresa centenaria fundada en 1901 e que iniciou a súa actividade en 1903. A súa función é canalizar a mobilidade da cidadanía co transporte público. Conta cun cadro de persoal de 252 persoas (7 mulleres e 245 homes).

    En novembro de 2019 constituíuse a mesa negociadora do plan de igualdade, que estivo paralizada durante varios meses debido á covid-19. Tras varias reunións, con acordos e desacordos, o pasado 25 de novembro, coincidindo co Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, asinouse o I Plan de Igualdade, cunha vixencia de catro anos.

    Este plan cumpre coa lexislación vixente nas seguintes materias: proceso de selección e contratación, clasificación profesional, formación, promoción profesional, condicións de traballo, incluída a auditoría salarial entre mulleres e homes (consonte o establecido no Real decreto 902/2020, do 13 de outubro, de igualdade retributiva entre mulleres e homes), exercicio corresponsable dos dereitos da vida persoal, familiar e laboral, infrarrepresentación feminina, retribucións, prevención do acoso sexual e por razón de sexo. Inclúe outras materias, como violencia de xénero, linguaxe e comunicación non sexista e saúde laboral, así como tres protocolos: protocolo contra acoso sexual ou por razón de sexo no medio laboral, protocolo de actuación para a protección de traballadoras vítimas de violencia de xénero e, finalmente, deseñouse o protocolo fronte ao acoso por razón de orientación sexual, identidade de xénero e/ou expresión de xénero.