FSC-CCOO Galicia | 16 abril 2024.

8M Todo o ano, todo o tempo. POLA IGUALDADE DE XÉNERO
  • Menú Documentos

    CCOO rexeita o anteproxecto de Lei xeral audiovisual porque non soluciona os problemas do sector e só responde ao beneficio dos grupos de presión empresariais

    • O sindicato reclama un proceso de diálogo real sobre este anteproxecto, cuxos puntos importantes van moito máis alá do debate sobre as linguas que reflicten os medios ao fío do debate dos orzamentos xerais do Estado.

    Preservar o sector público de comunicación audiovisual, evitar as privatizacións, garantir o pluralismo e a responsabilidade editorial ou establecer unha autoridade independente son algunhas das cuestións claves deste proxecto de lei sobre as que o Parlamento non está falando.

    20/12/2021.
    CCOO rexeita o anteproxecto de Lei xeral audiovisual

    CCOO rexeita o anteproxecto de Lei xeral audiovisual

    Para CCOO, o que se pretende coa Lei xeral de comunicación audiovisual (LXCA) é unha lei Frankenstein na que se desaproveita a obriga de traspoñer a última Directiva Europea do Audiovisual 2018/180 para introducir modificacións en toda a rede sectorial española, dándolle unha volta máis á xa ultraliberal lei do 2012, que levou a cabo o Partido Popular sobre a promovida dous anos antes polo goberno de Zapatero.

    Esta nova reforma lexislativa parece afondar máis aínda nun modelo mercantilista e ao servizo dos operadores privados, no canto de velar pola defensa dos servizos públicos de radiotelevisión e o acceso gratuíto e universal da cidadanía a uns sistemas de comunicación que sexan garantes dos principios constitucionais básicos en materia de información. Pola contra, a LXCA vén a “bendicir” a falta de pluralismo e os oligopolios xa creados de televisión (Mediaset e Atresmedia) e radio (Cadena SER, COPE e Onda Cero), sen intención ningunha tampouco de esixir maiores obrigas ás novas plataformas dixitais das que a normativa europea impón.

    Desde CCOO, entendemos que unha nova lei non pode deixar pasar unha definición clara da misión de servizo público para todos os prestadores (públicos e privados), onde se garanta o pluralismo, a responsabilidade editorial e a liberdade de expresión. Así mesmo, evitar a privatización e a externalización do modelo de radiotelevisión pública que pretende o anteproxecto é unha prioridade sindical, do mesmo modo que o é garantir un financiamento estable e definido por lei para CRTVE e o resto de operadores de servizo público.

    Entre outras moitas cuestións, pois o anteproxecto ben merecería ser reformulado na súa totalidade, evidenciamos unha falta absoluta de referencia á dimensión laboral dun sector que se pretende que sexa o concentrador audiovisual de Europa, atraendo os fondos de recuperación para dar un maior pulo á produción do noso país. Así, non se concretan na lei cuestións que tamén fomenten a creación de emprego de calidade, de garantías laborais, de conciliación e corresponsabilidade, de saúde laboral e de igualdade efectiva entre mulleres e homes.

    O texto deste anteproxecto carece, ademais, de concreción no control dos medios. Deixa en mans da “autorregulación” o que deberían ser as funcións dunha autoridade audiovisual independente que velase pola regulación do sector en materia de transparencia, pluralidade, control da publicidade e os contidos, entre outras obrigas, á marxe do que escasamente veu desenvolvendo a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC).

    CCOO enviou hai uns días unha carta de queixa á ministra Nadia Calviño, pois do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital depende este APL. Nela manifestamos o noso malestar con este texto e a necesidade de acometer un diálogo cos axentes sociais nesta materia.