FSC-CCOO Galicia | 20 abril 2024.

8M Todo o ano, todo o tempo. POLA IGUALDADE DE XÉNERO
  • Menú Documentos

    Novo pau xudicial á Deputación de Pontevedra por contratar irregularmente bolseiros mediante programas formativos

      Comisións Obreiras (CCOO) congratúlase polo auto do Tribunal Supremo que obriga a Deputación de Pontevedra a recoñecer a relación laboral con case corenta bolseiros e bolseiras que foran indebidamente contratados mediante programas formativos. O sindicato lamenta que unha institución gobernada por partidos de esquerdas (PSOE e BNG) realice contratacións fraudulentas e obrigue a acudir á xustiza para recoñecer os dereitos laborais.

      17/01/2022.
      Extracto do auto do Tribunal Supremo

      Extracto do auto do Tribunal Supremo

      CCOO destapou esta situación hai tres anos, cando pediu a intervención da Inspección de Traballo. Na acta sancionadora da autoridade laboral baseáronse as distintas sentenzas xudiciais que decretaron a existencia dunha relación laboral e non formativa, cuestión que agora ratifica o Tribunal Supremo, que pecha as portas a calquera recurso.

      Deste xeito, a Deputación deberá crear as case corenta prazas que ocupaban os bolseiros e bolseiras, amais de asumir as custas xudiciais do recurso, que ascenden a 300 euros por cada persoa recorrida.

      Formación inexistente

      No seu auto, o Tribunal Supremo é contundente á hora de inadmitir o recurso da Deputación Provincial e coida probados todos os puntos das sentenzas anteriores, tanto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia como do Xulgado do Social número 4 de Pontevedra.

      Nas bolsas para a práctica laboral de mestras e mestres composteiros «non existe programa formativo ningún», con este persoal realizando o seu labor «con total autonomía e sen supervisión de titor, nin de ningún traballador», sinala o alto tribunal. Deste xeito, a finalidade da bolsa non era formativa, senón «obter un servizo por conta allea de carácter retribuído», censura o Supremo.

      Canto ás bolsas de práctica laboral para persoas licenciadas ou graduadas en Historia ou en Información e Documentación, «tampouco consta programa formativo ningún» e as funcións das bolseiras e bolseiros, se non estaban, «eran efectuadas por técnicos de arquivo».

      Por último, canto ás bolsas de práctica laboral para a Deputación e concellos da provincia, «non existe formación teórica de ningún tipo, non existe ningún programa formativo e non hai máis formación ca realizar as tarefas encomendadas», subliña o Tribunal Supremo.

      En resumo, o alto tribunal conclúe que «nos atopamos cunha relación laboral entre as partes» e, malia haber «certa oferta formativa», resulta «evidente» que é «puramente accesoria dentro da prestación de servizos que realizan os traballadores con bolsa».

      Reforma laboral

      Desde CCOO denuncian que a precariedade nas Administracións públicas é de arredor do 25 % e que reducila é un dos obxectivos da reforma laboral recentemente aprobada, precisamente para regularizar situacións como a denunciada na Deputación de Pontevedra.

      O acordo tripartito de reforma laboral, asinado por sindicatos, organizacións empresariais e Goberno de España, pretende dar cabo destas prácticas de precaridade nun colectivo tan golpeado pola falta de saídas laborais como é a xuventude.

      CCOO tamén critica a posición do BNG, que se manifesta en contra do acordo de reforma laboral ao tempo que relata as inxustizas no ámbito laboral. Porén, en vez de combater as prácticas laborais fraudulentas das que se está a aproveitar na Deputación provincial ou no Concello de Pontevedra, «non dubida en defendelas na vía xudicial».

      Malia que a reforma non é todo o que se pretendía, «o BNG debería medir as súas críticas a un cambio normativo que procura beneficiar a xente traballadora e desmarcarse de modelos de contratación fraudulentos e abusivos que explotan a mocidade galega».

      Responsabilidades políticas

      Agora, unha vez rematada a vía xudicial con este auto firme do Supremo, CCOO sinala que «só queda esixir responsabilidades políticas» e agarda que o Goberno provincial «asuma con coherencia o que isto supón». Primeiro, polo gasto de imaxe da institución provincial ao ser condenada por fraude laboral. Segundo, polo uso de diñeiro público e dos servizos xurídicos da deputación nos sucesivos recursos.