FSC-CCOO Galicia | 8 Setembro 2026.

  • Menú Documentos

    Centos de empregados e empregadas públicas concentráronse hoxe diante da Xunta contra o recorte de dereitos e por uns servizos públicos de calidade

      CCOO, UGT e CSIF denuncian falta de vontade real para acadar consensos, a imposición sistemática de medidas sen un marco real de negociación e perda de dereitos na Administración autonómica

      10/06/2026.
      Contra o recorte de dereitos e por uns servizos públicos de calidade

      Contra o recorte de dereitos e por uns servizos públicos de calidade

      Hoxe pola mañá centos de empregados e empregadas públicas da Administración galega apoiaron a concentración convocada por CCOO, CSIF e UGT fronte á sede da Xunta en Santiago contra o recorte de dereitos e por uns servizos públicos de calidade. As tres organizacións sindicais denuncian a crecente deriva da Administración autonómica, con actuacións e omisións que reflicten unha forma de proceder baseada na imposición, no recorte de dereitos e na ausencia dun marco real de negociación colectiva, debilitando gravemente as relacións laborais no ámbito da Administración galega.

      As decisións adoptadas nos últimos meses evidencian un preocupante retroceso en materias esenciais vinculadas á negociación colectiva, á seguridade xurídica, á transparencia e ás condicións laborais do conxunto das traballadoras e traballadores públicos, provocando un progresivo deterioro dos servizos públicos.

      Todo isto ocorre ignorando de maneira reiterada as demandas e advertencias das organizacións sindicais representativas do persoal empregado público, cun desprezo continuo polas propostas sindicais, cunha imposición sistemática de decisións unilaterais, ausencia real de negociación e falta de vontade para acadar consensos. Isto evidencia unha preocupante dinámica autoritaria incompatible cunhas relacións laborais baseadas no diálogo social e no respecto institucional.

      Como exemplos recentes, as organizacións sindicais sinalan a imposición da modificación do decreto de listas de contratación temporal malia o voto en contra das tres organizacións sindicais presentes na negociación, vulnerando calquera vontade real de consenso e reducindo garantías e dereitos do persoal afectado; o auténtico caos xerado na resolución de numerosos procesos selectivos finalizados e no concurso de traslados, con atrasos, falta de transparencia, ausencia de planificación e unha xestión deficiente que está provocando inseguridade e incerteza entre milleiros de persoas aspirantes e empregadas públicas; ou a incomprensible decisión de devolver á SEAGA a xestión das brigadas para a prevención e defensa contra os incendios forestais, cando foi a propia Xunta de Galicia a que en 2019 decidira integrar os efectivos de incendios forestais da empresa pública no Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural.

      CSIF, UGT e CCOO demandan a suspensión da reforma do Decreto de listas, a axilización e resolución definitiva dos procesos de concurso, OPE e estabilización coa máxima seguridade xurídica, e o reforzo do persoal do SPIF con xestión directa da Consellería, así como a negociación de cuestións esenciais comprometidas, entre outras:

      A transposición efectiva de medidas xa acordadas a nivel estatal, como a implantación da xornada de 35 horas.A apertura dun novo acceso extraordinario á carreira profesional.A posta en marcha do sistema ordinario de carreira profesional.O desenvolvemento e aplicación do grupo B de clasificación profesional.Un verdadeiro impulso e cambio de paradigma en materia de promoción interna e acceso ao emprego público.A implantación real do concurso aberto e permanente.A ampliación do ámbito de aplicación dos coeficientes redutores a outras especialidades e categorías dos servizos de extinción de incendios, medio ambiente, gardacostas etc.A apertura das mesas de negociación pendentes para abordar as condicións de traballo do persoal funcionario de ámbitos como o persoal non docente de educación ou o de medio ambiente.Avances reais e efectivos nas mesas de traballo derivadas do acordo de política social.Avances concretos nas mesas de negociación abertas na Consellería do Medio Rural.As tres organizacións sindicais entenden que a situación require unha actuación organizada desde a unidade de acción coa finalidade de normalizar o diálogo e as relacións laborais e mellorar as condicións de traballo e a calidade dos servizos á cidadanía. Así mesmo, queren poñer de manifesto a súa unanimidade e o seu acordo de unidade de acción sindical fronte a mobilizacións unilaterais oportunistas que consideran vinculadas a posicionamentos ideolóxicos.

      Esta é a primeira mobilización dunha campaña que irá máis aló nos vindeiros meses co obxectivo de denunciar o deterioro progresivo da función pública e esixir un cambio radical na actitude da Administración.

      As organizacións convocantes lembran que a defensa dos dereitos do persoal empregado público é tamén a defensa duns servizos públicos ao servizo de toda a sociedade.