FSC-CCOO Galicia | 8 Setembro 2026.

  • Menú Documentos

    A súa vergoña, o noso orgullo

    A clase traballadora avanza fronte ao odio

      Agora máis ca nunca, desde o sindicalismo de clase de CCOO alzamos a voz para celebrar a diversidade, esixir a igualdade efectiva e defender os dereitos das persoas LGTBI+ nos centros de traballo e en cada recuncho da nosa sociedade.

      10/06/2026.
      A súa vergoña, o noso orgullo

      A súa vergoña, o noso orgullo

      Non nacemos para escondernos nin para pedir permiso por existir; nacemos para conquistar a igualdade real alí onde pasamos a maior parte da nosa vida: nas empresas, nos talleres, nas oficinas e nas aulas. Este 2026, mentres indicadores internacionais como o Rainbow Map de ILGA nos sitúan formalmente na vangarda dos dereitos, a realidade que pisamos ao ficharmos cada mañá é cada vez máis distinta. Os datos oficiais xa non se poden camuflar: o odio e a violencia ideolóxica converten os centros de traballo no segundo espazo máis hostil para as persoas LGTBI+.

      Ese odio non é casual. É afán de retroceso. E é unha vergoña. A súa vergoña.

      Seméntase desde algunhas institucións e inocúlase nos centros de produción para atomizar a clase traballadora, golpeando con especial saña as persoas trans. Ante isto, a neutralidade é complicidade. Na defensa dos dereitos humanos non caben as medias tintas nin a equidistancia patronal: ou se protexe activamente a dignidade e a felicidade dos cadros de persoal, ou se é cómplice do medo.

      AS NOSAS REIVINDICACIÓNS NESTE ORGULLO 2026

      A nosa resposta non nace desde a parálise do lamento, senón desde o orgullo e a forza colectiva. Fronte a quen busca un país monolítico e gris, CCOO responde con propostas concretas, con negociación colectiva e con presenza en cada comité. Os dereitos conquistados non se cumpren só porque estean escritos nun papel oficial; cómpre aplicalos e defendelos día a día.

      Para que os dereitos deixen de ser só tinta no Boletín Oficial del Estado e se convertan no día a día da clase traballadora LGTBI+, CCOO esiximos:

      ● Cumprimento efectivo das leis LGTBI e antidiscriminación: as leis existen, pero os dereitos non se cumpren sós. Esiximos a dotación inmediata de recursos e mecanismos reais de inspección e control para facer da igualdade unha realidade en cada empresa.

      ● Un pacto de Estado contra os discursos de odio: urxe un compromiso político e social vinculante que poña freo á impunidade dos discursos que estigmatizan os grupos en situación de vulnerabilidade e que actúan como a antesala dos delitos de agresión nas rúas e oficinas. Non máis atrasos!

      ● Recoñecemento pleno das identidades: recoñecemento explícito e amparo dos dereitos das persoas intersex, cuxa reivindicación está sendo central este 2026 e que non poden seguir sendo vítimas dos prexuízos e a ignorancia. Non necesitamos permiso para existir, necesitamos que os nosos ámbitos de traballo respecten a nosa existencia.

      ● Non esquecemos o mundo rural: reclamamos medidas específicas de protección e visibilidade que alcancen o medio rural, onde o illamento e a falta de redes agravan a discriminación das persoas traballadoras do colectivo.

      ● Xa abonda de pseudoterapias! As pseudoterapias de conversión son unha tortura para as persoas do colectivo. Unha tortura que deixa secuelas a longo prazo. Reclamamos medidas eficaces para desterrar esta práctica que atenta contra os dereitos humanos. 

      ÁS RÚAS CON ORGULLO.

      O sindicalismo de clase non dá nin un só paso atrás. Respondemos ao odio conquistando dereitos e ocupando o espazo público que nos pertence. Saíndo ás rúas, manifestándonos, reivindicando e creando alianzas coas organizacións da sociedade civil. Por iso, convocamos a toda a afiliación, as persoas traballadoras e a cidadanía a se sumar ás manifestacións territoriais do Orgullo e á gran manifestación estatal do Orgullo 2026, que se celebrará o vindeiro 4 de xullo en Madrid.

      Imos ateigar as rúas para demostrarlles que o medo, o odio e a discriminación fracasaron. Que dan vergoña. Porque a dignidade das persoas traballadoras non se somete aos prexuízos de ninguén.

      Imos seguir avanzando. 

      A SÚA VERGOÑA, O NOSO ORGULLO!

      AO TRABALLO SEN ARMARIOS!