FSC-CCOO Galicia | 8 Setembro 2026.

  • Menú Documentos

    O Supremo confirma que a mensaxería e a repartición domiciliaria da provincia de Pontevedra se rexen polo convenio do transporte de mercadorías

      Para CCOO, esta decisión representa un «paso importante» na mellora dos dereitos laborais destes colectivos, aos que se lles viña aplicando un convenio considerado «obsoleto» e caducado

      17/06/2026.
      Mensaxería e a repartición domiciliaria

      Mensaxería e a repartición domiciliaria

      A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO de Galicia considera moi positiva a sentenza do Tribunal Supremo que confirma que as actividades de mensaxería e repartición domiciliaria na provincia de Pontevedra han rexerse polo convenio colectivo de transporte de mercadorías por estrada. Para o sindicato, esta resolución xudicial dálles a razón ás organizacións asinantes do convenio e obriga á súa aplicación a todas as persoas traballadoras que desenvolven estas actividades, sexa cal for o vehículo ou medio que empreguen para realizar o seu traballo.

      Para CCOO, esta decisión representa un «paso importante» na mellora dos dereitos laborais destes colectivos, aos que se lles viña aplicando un convenio considerado «obsoleto» e caducado desde hai case dúas décadas.

      O convenio colectivo de transporte de mercadorías por estrada da provincia de Pontevedra, con vixencia para os anos 2023-2026, foi impugnado en 2024 pola Asociación Empresarial de Mensaxería (AEM) ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia debido ao seu ámbito de aplicación, ao incluír as empresas de mensaxería e repartición domiciliaria.

      En febreiro de 2025, o TSXG desestimou a demanda e absolveu ASETRANSPO, CCOO e UGT de todas as pretensións formuladas na súa contra. O convenio fora subscrito polas organizacións sindicais CCOO e UGT e pola representación empresarial correspondente. A sentenza avala a capacidade da negociación colectiva no ámbito estatutario fronte á pretensión de aplicar un acordo extraestatutario de eficacia limitada subscrito por AEM e USO.

      CCOO considera que esta resolución non constitúe a vitoria dunha organización sindical concreta, senón «un avance para o conxunto das persoas traballadoras afectadas». Neste sentido, destaca o papel desempeñado por todas as organizacións sindicais e empresariais asinantes do convenio de transporte de mercadorías da provincia de Pontevedra.