FSC-CCOO Galicia | 21 Novembro 2024.

iV CONCURSO DE DEBUXO FSC GALICIA 2024
  • Menú Documentos

    FSC-CCOO rexeita a posición do Parlamento Europeo sobre o TTIP

      Para CCOO, a aprobación deste acordo levaría á destrución de centos de milleiros de postos de traballo, á desregulación dos nosos estándares ambientais, laborais e sociais, e á entrada ao dúmping social e a ruptura do estado de benestar tal e como o coñecemos agora.

      01/06/2015.
      CCOO contra o TTIP

      CCOO contra o TTIP

      A Federación de Servizos á Cidadanía (FSC) de CCOO quere manifestar o seu máis absoluto rexeitamento á posición que ao cabo adoptou, o pasado venres, a Comisión do Mercado Interior (INTA) do Parlamento Europeo, en relación coa decisión que debe tomar a Eurocámara sobre o tratado de libre comercio entre a Unión Europea e os Estados Unidos, o coñecido como TTIP, cuxo rexeitamento avalan xa preto de dous millóns de sinaturas en toda Europa.
       
      O resultado da votación, de 28 votos a favor e 13 en contra, outorga o prace ao debate que se celebrará na Eurocámara o 10 de xuño, no que o pleno do Parlamento Europeo decidirá se aproba definitivamente as negociacións do tratado que está a levar a cabo a Comisión.
       
      "Se ben é certo que se están a introducir elementos fundamentais como a valoración por lista positiva ou a exclusión dos servizos públicos, non  ocorre o mesmo coa cabotaxe marítima nin coa liberalización do espazo aéreo. Entendemos que se está a permitir a adopción do mecanismo ISDS, co apoio dos representantes do PP e do PSOE, baseándose na proposta de Cecilia Mälstrom, e que se está a diferenciar unicamente da proposta actual en que se crea, ademais, un mecanismo que permite a apelación do ISDS pero en función das normas da Organización Mundial do Comercio.
       
      A FSC-CCOO rexeita a cláusula ISDS porque vulnera o marco xurídico da UE coñecido ata agora e dá máis poder ás multinacionais fronte aos Estados e a cidadanía.
       
      "Non é de estrañar que a patronal europea, Businesseurope, celebrase o resultado da votación nun comunicado en que, ademais, di non entender o porqué da exclusión dos servizos públicos do TTIP, cando as formas de financiamento deses servizos non son unicamente estatais".
       
      o 27 de maio, a FSC-CCOO remitiu a todos os eurodeputados da Comisión INTA unha carta e un documento elaborado polo sindicato en defensa dos servizos públicos, no que se especifican claramente cales son as súas reivindicacións. "Parece todo unha pantomima que permita terminar de dar a aprobación á Comisión para negociar algo máis ca un acordo transatlántico, un acordo que levará á destrución de centos de milleiros de postos de traballo, a desregulación dos nosos estándares ambientais, laborais e sociais, unha entrada ao dúmping social e á ruptura do Estado do benestar do xeito en que o coñecemos agora".