FSC-CCOO Galicia | 21 Novembro 2024.

iV CONCURSO DE DEBUXO FSC GALICIA 2024
  • Menú Documentos

    As persoas con maior risco de exclusión social son as desempregadas

    • En Galicia, coma no resto de España, a taxa de cobertura ao desemprego baixou un 30 % dende 2010

    Non é casualidade que un informe da OCDE e outro do Gabinete Confederal de CCOO coincidan, case no mesmo día, nun diagnóstico similar: o insoportable aumento da pobreza e a desigualdade en España. Un organismo conservador como é a OCDE non dubida en afirmar que a crecente desigualdade entre ricos e pobres supón, ademais dun maior sufrimento social, un freo á recuperación da economía.

    01/06/2015. Manuel Lago Peñas, Economista de CCOO
    Aumenta a exclusión social

    Aumenta a exclusión social

    Segundo a OCDE, os axustes fiscais (léase «austeridade compulsiva»), as subas de impostos e os recortes salariais son os responsables dese aumento da desigualdade que alcanza en España o valor máis alto entre os 34 países deste organismo.
    No informe do Gabinete Económico do sindicato avánzase un paso máis e analízanse as causas estruturais desa medra da desigualdade ?na que ten un papel central a nova pobreza laboral?, cun dato determinante: as persoas desempregadas soportan a maior taxa de risco de exclusión social, que multiplica por catro veces a do resto da poboación. En concreto, o 40 % das persoas desempregadas de España viven en fogares con ingresos por baixo do 60 % da mediana do conxunto dos fogares.
    A causa é evidente: a perda do emprego. Pero o que coloca en risco de pobreza e exclusión as persoas desempregadas é, sobre todo, a baixísima calidade do sistema de cobertura por desemprego. Segundo os datos da epa, en España hai 3.838.639 persoas en paro que non cobran prestacións; delas, 185.621 están en Galicia.
    É certo que a taxa de cobertura oficial é máis alta porque, tal e como está definida, sobrevalora a protección; con todo, non deixa de caer e cada día expulsa máis persoas desempregadas. Nos últimos datos do SEPE, 120.875 desempregados e desempregadas en Galicia non cobran ningún tipo de prestación.
    En Galicia, coma no resto de España, a taxa de cobertura ao desemprego baixou un 30 % dende 2010. Tal derruba ten que ver coas carencias dun sistema que non estaba preparado para unha crise tan longa e tan dura e os fortes recortes aplicados na protección a partir de 2012. As máis de 120.000 persoas desempregadas expulsadas da protección en Galicia responden a dúas tipoloxías: a maioría son xa parados de longa duración que esgotaron as súas prestacións e o segundo grupo son persoas que nin sequera poden acceder á protección porque dada a súa precariedade non cotizan o tempo suficiente.
    En Galicia hai 112.000 parados de moi longa duración ?é dicir, levan máis de dous anos no paro e, polo tanto, esgotaron a prestación contributiva? e cerca de 40.000 fogares sen ingresos laborais. Moita xente sen protección condenada á pobreza ao tempo que se recorta o gasto en protexela: nos dous últimos anos, os recursos para cobertura por desemprego reducíronse en máis de 7.000 millóns, dos que case 400 millóns lle corresponden a Galicia.
    Unha solución xusta a esta situación insoportable propóñena CCOO e UGT; a iniciativa lexislativa popular que presentaron quere conseguir unha prestación de ingresos mínimos para as persoas sen traballo nin ingresos. Trátase dunha renda mínima de 426 euros ao mes, no caso xeral, para persoas que leven máis dun ano no paro e que carezan de recursos económicos.
    Cos microdatos da enquisa de condicións de vida que elabora o INE, sabemos que 2.151.000 persoas cumpren en España estes requisitos e, polo tanto, beneficiaríanse do programa, que tería un custo anual próximo aos 11.000 millóns de euros.
    En Galicia, serían potenciais beneficiarias 87.863 persoas desempregadas de longa duración que viven soas ou en fogares sen rendas. O importe total do programa ascendería a algo máis de 400 millóns de euros, unha cifra similar ao recorte que sufrimos no sistema.
    En síntese, esta renda mínima beneficiaría en Galicia a preto de 90.000 desempregados e desempregadas de longa duración e sen ingresos, cun custo máis ca asumible; permitiría mellorar de forma sensible a taxa de cobertura por desemprego e sería un formidable instrumento para combater a pobreza e as exclusións.