FSC-CCOO Galicia | 21 Novembro 2024.

iV CONCURSO DE DEBUXO FSC GALICIA 2024
  • Menú Documentos

    A nova lei de formación impide a FSC-CCOO ofertar cursos de formación

      Como consecuencia da aprobación da Lei 30/2015, pola que se regula o Sistema de Formación para o Emprego no ámbito laboral, os axentes sociais quedan excluídos da execución de accións formativas, ao non poder ser promotores de plans de formación para o emprego.

      01/02/2016.
      Formación en IIPP

      Formación en IIPP

      Polo tanto, non se volverán ofertar cursos de formación para o emprego (nin na modalidade a distancia nin na presencial) promovidos por FSC-CCOO. Esta circunstancia, totalmente allea á vontade desta Federación, vén determinada pola nova normativa que nos impide seguir formando directamente os traballadores e traballadoras tanto do ámbito do público como do privado.

      FSC-CCOO lamenta esta nova situación. A formación foi un vehículo fundamental na acción sindical e na negociación colectiva federal e un dereito dos traballadores e as traballadoras que, co novo sistema de concorrencia competitiva, se verán afectados.

      No caso dos plans que se formulen baixo o Acordo de formación continua das Administracións públicas, será cada Administración a que forme o seu propio persoal. No que respecta aos plans promovidos pola Fundación Tripartita, aínda non houbo convocatoria do ano 2015 nin do 2016. Descoñecemos se os fondos procedentes do ano 2015 poderán aplicarse nunha posible convocatoria, pois a lei non permite a reanualización destes créditos.

      En calquera caso, continuaremos traballando e negociando nos distintos ámbitos todas as posibilidades para intentar seguir proporcionando formación dentro do establecido pola vixente normativa.

      Esperamos que o novo sistema dea cuberto as necesidades formativas globais do conxunto das traballadoras e traballadores, e que os novos promotores de plans os desenvolvan coa mesma dedicación, seriedade, rigor e profesionalidade que CCOO demostrou durante os últimos vinte anos. 

      Desexamos non ver a formación convertida nun negocio que obvie as necesidades reais e que non se esqueza que é, sobre todo, un dereito laboral que permite o acceso, a promoción e a reciclaxe de todas as persoas no seu posto de traballo.