FSC-CCOO Galicia | 21 Novembro 2024.

iV CONCURSO DE DEBUXO FSC GALICIA 2024
  • Menú Documentos

    28 de Abril 2016, Día Internacional da Saúde e a Seguridade no Traballo

    • A saúde no traballo depende de leis firmes, controis rigorosos e sindicatos fortes

    En 2016 celebramos o vixésimo aniversario da entrada en vigor da Lei de prevención de riscos laborais. Neste período asistimos ao tránsito desde a seguridade e hixiene franquista á prevención de riscos emanada da Directiva Marco europea.

    13/04/2016.
    28 de abril

    28 de abril

    A xeneralización da actividade preventiva nas empresas, as políticas públicas activas e o labor dos delegados e delegadas de prevención recentemente elixidos lograron, non sen poucos esforzos, unha mellora das condicións de traballo que se traduciu nun período de acusado descenso da sinistralidade que se prolongou desde 2000 ata 2012. A Lei 31/1995 posibilitou pasar dun enfoque reactivo, de reparación do dano unha vez que se produce, a un enfoque preventivo, co obxectivo fundamental de conseguir un estado de benestar integral da persoa traballadora.

    Porén, a aposta por políticas de axuste de marcado acento neoliberal como alternativa para saír da crise, especialmente representadas polas reformas laborais, deterioraron de forma grave a negociación colectiva e o exercicio efectivo de dereitos, elementos imprescindibles para a saúde e a seguridade no traballo. Estas dinámicas determinaron unha regresión da prevención nas empresas durante esta última lexislatura e, non por casualidade, a aprobación da reforma laboral do Partido Popular en 2012 coincidiu co cambio de tendencia da sinistralidade. Nestes catro anos de lexislatura faleceron 2.310 traballadoras e traballadores e des 2012 a 2015 acumuláronse incrementos do 8 % no índice de incidencia para o conxunto de sectores e do 9 % para a sinistralidade mortal. É inadmisible que en pleno século xxi falezan máis de seiscentas persoas nun ano polo feito de exerceren o seu labor profesional.

    A debilitación da negociación colectiva leva consigo perda de dereitos e a xeneralización dunhas relacións laborais marcadas pola precariedade. Esta última característica encóntrase, sen dúbida ningunha, detrás do incremento dos accidentes de traballo. O mellor exemplo disto é o que sucedeu nos últimos anos no sector industrial, ata hai pouco paradigma da estabilidade no emprego. Nos dous últimos anos, os novos contratos de duración inferior a unha semana pasaron do 10 % ao 28 % e a sinistralidade mortal en 2015 nese mesmo sector aumentou un 45 %. Unha alta rotación de contratos de tan curta duración impide garantir os dereitos de información e formación nos riscos e medidas preventivas existentes na empresa. Doutra banda, cada vez é máis frecuente e está máis estendida a descentralización produtiva entre as empresas españolas, o que provoca unha externalización dos riscos laborais cara aos autónomos e traballadores de pemes e subcontratas.

    Pero existen máis factores que inflúen no rebrote dos accidentes, e un deles é a desigualdade. Entre 2012 e 2014 ?último ano de que dispoñemos de índices de incidencia desagregados por sexo?, a sinistralidade nos homes aumentou un 2,8 % mentres que nas mulleres o incremento alcanzou un 12,3 %, case dez puntos de diferenza. As condicións de traballo nos sectores e actividades máis feminizados sufriron con máis rigor os efectos da crise e das políticas de axuste, o que, unido á falta de políticas eficaces de igualdade de xénero, contribúe a deteriorar a saúde das traballadoras. Un dato para reforzar esta idea: desde 2013, o número de partes comunicados de enfermidade profesional con baixa en mulleres é superior en termos absolutos ao dos homes, malia ocupar un volume menor de poboación.

    Esta lexislatura tampouco serviu para solucionar o grave problema de ocultación de enfermidades profesionais, sobre todo das máis graves e que comportan maior sufrimento ás persoas afectadas e as súas familias. O caso do cancro laboral é especialmente indignante: mentres que as estimacións máis conservadoras cifran en 9000 os casos de novos diagnósticos anuais de cancro en España atribuíbles a exposicións laborais, as mutuas só comunicaron 23 en 2015, 19 deles por exposición ao amianto. De forma similar, os trastornos producidos polos riscos psicosociais seguen sen ser rexistrados, a pesar do seu incremento debido á deterioración das relacións laborais produto da crise. En definitiva, as enfermidades ocasionadas polo traballo terminan derivándose aos servizos públicos de saúde en vez de ás mutuas, infradeclarando o seu número, aumentando o gasto público e erosionando a prevención porque o que non existe non se prevé.

    Ante este panorama, no marco do 28 de Abril, Día Internacional da Saúde e a Seguridade no Traballo e ante o inicio dunha nova lexislatura, CCOO e UGT queremos trasladar á sociedade española e en especial aos partidos políticos a necesidade de poñer en marcha as transformacións necesarias para forzar un cambio de rumbo na prevención de riscos laborais, adecuándoa á realidade laboral actual.

    A LPRL segue sendo un instrumento útil para a saúde laboral, pero cómpre derrogar todas as normas que impiden que todos os colectivos teñan o mesmo grao de protección da súa saúde. As reformas laborais estenderon a precariedade, instalaron o medo a perder o emprego, individualizaron as relacións laborais, dificultaron o exercicio efectivo de dereitos e agudizaron a desigualdade.

    Débese reverter a reforma do marco xurídico das mutuas, xa que supón un novo recorte nos dereitos dos traballadores e traballadoras que só serviu para que invadiran competencias dos servizos públicos, privatizando a xestión de actividades que deberían ser exclusivas da Seguridade Social. Hai que frear a crecente dualidade do sistema público de saúde, unha sanidade para poboación activa a través das mutuas e outra para a inactiva cada vez máis deteriorada, que supón de feito un dos procesos de privatización da sanidade máis intensos e descoñecidos. Este proceso agravouse coa venda das sociedades de prevención das mutuas a grandes grupos privados, monetizando a saúde laboral e desnaturalizando a vixilancia da saúde no traballo, que, de ser un dereito dos traballadores e as traballadoras, está pasando a converterse nun mecanismo de control empresarial e de axuste de cadros de persoal.

    Desde a publicación da LPRL aprendemos que a mera aprobación dunha lexislación adecuada non garante a protección sen a existencia de controis estritos. Para iso esixímoslles ás administracións que intensifiquen as políticas activas en materia de prevención, dotando dos suficientes medios económicos e humanos os organismos técnicos como o Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo ou os institutos autonómicos. A Inspección de Traballo debe incrementar os seus cadros de inspectores e subinspectores, reforzar e actualizar a súa formación e dotar de persoal o recentemente creado corpo de subinspectores especializados en saúde e seguridade no traballo. E cómpre máis ca nunca o pleno desenvolvemento da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2015-2020, facendo especial fincapé en todas as cuestións relacionadas con enfermidades de orixe laboral.

    E no marco da empresa, é preciso recuperar os investimentos en prevención e, sobre todo, o papel central da negociación colectiva nas relacións laborais. A negociación colectiva está estreitamente ligada á presenza de sindicatos nos centros de traballo, o que constitúe a mellor garantía para o exercicio de dereitos e para a protección da saúde. É un feito que nos centros de traballo onde hai presenza sindical se produce menor sinistralidade laboral e mellores condicións de seguridade e saúde. No entanto, no noso país hai un millón de empresas con menos de seis traballadores, nas que traballan dous millóns de persoas que non teñen dereito a elixir un delegado/a de persoal, e unha estrutura produtiva baseada na pequena e moi pequena empresa, o que dificulta a implantación dos sindicatos nunha boa parte do tecido produtivo. Por iso volvemos a reclamar o establecemento da figura da delegada/o de prevención territorial ou sectorial que poida acceder ao control das condicións de traballo nestas empresas, coas mesmas competencias e garantías que determina a LPRL para os delegados de prevención e co obxectivo de asegurar o exercicio do dereito á saúde e á seguridade así como os niveis de protección a estes traballadores e traballadoras nos mesmos termos que no resto de empresas.

    Coma cada 28 de Abril, Día Internacional da Saúde e a Seguridade no Traballo, UGT e CCOO imos lembrar as traballadoras e os traballadores que faleceron ou perderon a saúde mentres gañaban a vida e comprometémonos a loitar durante o resto do ano para acabar coa precariedade, a desigualdade e as inxustas condicións de traballo que se atopan tras os accidentes e as enfermidades de orixe laboral.