FSC-CCOO Galicia | 21 Novembro 2024.

iV CONCURSO DE DEBUXO FSC GALICIA 2024
  • Menú Documentos

    O escenario que debuxa a EPA de Galicia é «nefasto»

    • O sindicato coida «pésimos» os datos da última enquisa de poboación activa e insiste en que non cambiará a situación mentres non muden as políticas

    Comisións Obreiras (CCOO) considera negativos os datos da enquisa de poboación activa (EPA) do primeiro trimestre de 2016. A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, sinala que as cifras coñecidas hoxe reflicten non só un «pésimo» dato para Galicia, senón tamén que o emprego «funciona peor que no resto do estado». No primeiro trimestre do ano perdéronse 11.400 postos de traballo e o desemprego aumentou en 5.100 persoas; dous datos «terribles» que implican un terceiro: máis de 6.000 galegos e galegas abandonan o mercado laboral por falta de expectativas.

    02/05/2016.
    Nefastos datos da EPA para Galicia

    Nefastos datos da EPA para Galicia

    Datos da EPA en Galicia

    Segundo a EPA, en Galicia perdéronse 11.400 empregos no primeiro trimestre de 2016 e, en proporción, destruíuse máis emprego na comunidade autónoma que na media estatal (1,1 % fronte ao 0,36 %). Neste trimestre viuse especialmente afectada a poboación masculina (8.200 ocupados menos fronte a 3.200 ocupadas menos), así como as persoas entre 25 e 54 anos (11.600 ocupadas menos entre 25 e 54 anos fronte a 100 ocupadas máis entre as que teñen 16 e 24 anos e outras 100 máis entre as maiores de 55 anos).

    Por sectores, hai 9.200 persoas ocupadas menos nos servizos, 1.900 na construción e 1.400 menos na industria; pola contra, 1.100 persoas ocupadas máis no sector primario. Segundo o tipo de xornada, perdeuse máis emprego a xornada completa que a xornada parcial: 9.300 empregos menos a xornada completa e 2.100 menos a xornada parcial.

    No que atangue á evolución do emprego asalariado, hai 14.700 persoas menos traballando por conta allea neste trimestre: 6.900 eran indefinidas e 7.800 temporais. A taxa de temporalidade estaba no 24,5 % no primeiro trimestre de 2016.

    Houbo perda de emprego asalariado no sector público e no privado: 2.300 persoas asalariadas menos no público e 7.800 menos no privado. Canto ao emprego por conta propia, no primeiro trimestre de 2016 hai 6.200 traballadores e traballadoras independentes ou empresarios e empresarias sen persoal asalariado máis ca no cuarto trimestre de 2015.

    Había 227.900 parados e paradas en Galicia no primeiro trimestre de 2016, o que implica unha taxa de paro do 18,24 %. O desemprego sobe en Galicia un 2,31 % cando no estado o fai só un 0,25 %.

    Outro dato que CCOO coida «pésimo» é o da evolución da poboación activa: no primeiro trimestre do 2016 abandonaron o mercado laboral 6.200 persoas; 14.200 no último ano. Ao tempo, no primeiro trimestre de 2016 había 80.200 fogares con todos os seus membros activos en paro (son 5.100 fogares máis ca no trimestre anterior) e 38.300 que non perciben ingresos (3.500 máis ca no trimestre anterior).

    En comparación co primeiro trimestre de 2015, creáronse 33.600 empregos; deles, 23.600 asalariados. Para Maica Bouza, o ocupación «non avala posibles afirmacións optimistas», porque se está a crear máis emprego temporal que indefinido: 16.800 persoas asalariadas temporais máis fronte a 6.800 indefinidas máis.