FSC-CCOO Galicia | 21 Novembro 2024.

iV CONCURSO DE DEBUXO FSC GALICIA 2024
  • Menú Documentos

    Xunta e deputacións, primeiras responsables da deficiente atención do sinistro en Fandicosta

    • CCOO ve nos problemas de atención no sinistro de Fandicosta un exemplo da «irresponsabilidade» en materia de emerxencias

    Para a Federación de Servizos de Comisións Obreiras de Galicia (FSC-CCOO), os problemas de atención no sinistro de Fandicosta son un exemplo da «irresponsabilidade» das administracións públicas en materia de emerxencias. O sindicato acusa a Xunta e as deputacións de manteren un sistema «esencial» fraccionado entre diferentes empresas privadas, sen regulación homoxénea, sen un mando único nin coordinación entre dispositivos. A esta situación súmase a do 112, que está «privatizado e en precario».

    11/05/2016.
    Sinistro en FANDICOSTA

    Sinistro en FANDICOSTA

    CCOO acusa deste «despropósito» organizativo o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e as catro presidencias das deputacións galegas. «Velaí os responsables directos, porque teñen as competencias e crearon o sistema actual que propicia o caos», denuncia o sindicato.

    Segundo CCOO, sinistros como o de Fandicosta deben atenderse «con celeridade, coordinación e suficiencia»; porén, a miúdo recórrese ao «voluntarismo e sacrificio» dos profesionais das emerxencias. Desde Comisións lamentan que as autoridades «non aprendesen lección ningunha» de episodios anteriores nin mostrasen «propósito de emenda» dos seus erros.

    Para a FSC-CCOO, as autoridades galegas teñen unha visión «mercantilista, miserenta e curtopracista» sobre a atención das emerxencias. O sindicato dubida que se poida atender profesionalmente sinistros coma este sen unha regulación concreta nin protocolos. «Proba do despropósito é que na lei de emerxencias de Galicia non aparece unha soa vez a palabra "bombeiro"».

    O sindicato insiste na necesidade dun estatuto profesional dos bombeiros e en que os operativos de emerxencias conten cun mando único que garanta a coordinación estable. CCOO rexeita o actual modelo, composto por consorcios privatizados por todo o país e en situación precaria, con parques de bombeiros locais dependentes dos grandes concellos que, «ou ben están obsoletos, ou en precario, ou sen competencias claras para actuaren fóra do seu termo municipal».

    Desde CCOO sinalan que, polas súas dimensións, o sinistro de Fandicosta é un caso «espectacular». Con todo, o sindicato explica que «con demasiada frecuencia» os sinistros son atendidos por parques privados de bombeiros cando hai parques públicos máis próximos ou, incluso, que se lles prohiba actuar aos profesionais dos parques públicos, como foi o caso.

    Por último, CCOO asegura que o colectivo de bombeiros de Galicia, tanto de parques públicos como privados, seguirá a mobilizarse como nos últimos anos para conseguir que a situación cambie.