FSC-CCOO Galicia | 27 abril 2024.

8M Todo o ano, todo o tempo. POLA IGUALDADE DE XÉNERO
  • Menú Documentos

    CCOO volve a denunciar o colapso na expedición do DNI

    • As oficinas en Galicia están colapsadas debido ás carencias de persoal acumuladas desde o 2012.
    • O sindicato considera que o plan presentado pola Dirección Xeral da Policía é «botar un parche para saír do paso», sen ter un proxecto de xestión a medio e longo prazo que evite que isto se repita.
    • Ademais, esixe de novo unha oferta de emprego público extraordinaria que permita, polo menos, cubrir os 1200 postos vacantes de persoal funcionario que se dedican a esta tarefa.

    Malia que CCOO leva denunciando desde marzo graves problemas na expedición do DNI, actualmente case todas as unidades están colapsadas e non se dá cita para obter ou renovar o DNI ata dentro de dous meses. «O caos que se iniciou en Madrid estendeuse ao resto do territorio nacional, o cal non era moi difícil de prever», denuncia o sindicato.

    17/11/2016.
    Colapso nas oficinas de expedición do DNI

    Colapso nas oficinas de expedición do DNI

    En Galicia, a situación é complicada en todas as provincias, tanto nas cidades como no rural; así, na Coruña, a cita previa chega ao 13 de xaneiro, en Ribeira ou Lonzas, ao 3 de xaneiro, na capital Santiago ao día 2 do mesmo mes; na provincia de Pontevedra, na capital dáse cita para o 10 de xaneiro, en Vigo para o 3 de xaneiro, e en Tui os usuarios esperan ao relento desde as 6 da mañá para conseguir un dos poucos números de citas que dan a diario; o resto teñen que volver outro día a facer cola a mesma hora. Na provincia de Lugo, na capital as citas estanse dando a partir do 5 de xaneiro.

    No rural a cousa non está mellor. A modo de exemplo, na provincia de Pontevedra está pechado o calendario deste ano e non se dan citas, á espera do novo calendario para o vindeiro ano, situación que se está dando como resultado directo da falla de persoal acumulada nestes últimos anos. Neste senso, só na oficina de expedición do DNI de Vigo, houbo unha redución de 15 funcionarios desde o 2012 a hoxe; en Lugo pasaron, no mesmo período, de ser 14 funcionarios aos 8 actuais, e no resto de provincias e oficinas a redución de persoal foi similar.

    Abondando nesta cuestión, podemos comentar tamén que hai catro anos, sen listas de espera e con moitos menos solicitantes, desde Vigo saían ao rural dous equipos móbiles formados por catro funcionarios; agora só son dous funcionarios, que non dan feito co enorme incremento na demanda.

    Para CCOO, a Dirección Xeral da Policía (DXP) e o Ministerio do Interior «teñen que asumir dunha vez que a situación pola que atravesa a expedición do DNI ten a súa orixe na perda de emprego público, ao tempo que foi aumentando o número de documentos que se expiden. Dos 4,9 millóns en 2006 pasouse a 6,8 millóns en 2011 e, se temos en conta que o DNI é un documento de carácter cíclico que se renova cada cinco ou dez anos, os picos de expedición repetiranse seguindo ese ritmo. Isto, unido á falta dos medios materiais adecuados para este volume de expedición e a nefasta planificación e xestión dos recursos fan que arestora a situación sexa insostible».

    O que propoñen os responsables da DXP, en reunión coas organizacións sindicais, é «botar un parche para saír do paso», sen ter un proxecto de xestión a medio e longo prazo que evite que isto se repita. Para CCOO, ofrecer horas extras aos funcionarios e funcionarias do DN non é unha solución.

    «Por outra parte, reclamar agora ao Goberno entrante que se cubran 504 postos vacantes a cargo da oferta de emprego público de 2016, como tamén expoñía a DXP, iría na liña de ir atopando solucións a medio e longo prazo, pero non desatascaría a situación actual porque, con sorte, a incorporación destas novas empregadas e empregados públicos non sería posible ata ben avanzado 2017. En calquera caso, a cifra de postos supostamente solicitados segue sendo insuficiente».

    CCOO considera imprescindible aprobar unha oferta de emprego público extraordinaria que permita, polo menos, cubrir todos os postos de persoal funcionario de corpos xerais vacantes nestes momentos na DXP (arredor de 1200). Ademais, a renovación de equipos informáticos nas oficinas do DNI debe levarse a cabo coa maior celeridade.

    Doutra banda, CCOO advirte que «se o novo equipo de Goberno vai seguir pola senda da destrución do emprego público e de abrir a porta a externalizacións e privatizacións nas Administracións, mal imos. A cidadanía necesita e esixe servizos públicos de calidade, eficientes e puntuais».

    O sindicato recorda que o DNI é un documento obrigatorio e imprescindible, non só para realizar trámites coa Administración ou viaxar, senón tamén para contratos de traballo, xestións bancarias, xuízos ou certos casos de asistencia médica. «Incluso nos chegou o caso dunha persoa que non puido empezar a recibir un tratamento de quimioterapia porque lle roubaran o DNI e, se non fora polo compromiso das empregadas e empregados públicos que lle tramitaron o documento de forma urxente, tería que esperar a unha cita a mediados de xaneiro do ano que vén».

    Tamén incide en que a culpa non é da cidadanía ?como chegou a manifestar aos medios de comunicación algún responsable da DXP?, nin moito menos das empregadas e empregados públicos que, non só están traballando en condicións precarias, senón que sofren ademais a diario a presión do público que non ve atendidas as súas necesidades.