FSC-CCOO Galicia | 21 Novembro 2024.

iV CONCURSO DE DEBUXO FSC GALICIA 2024
  • Menú Documentos

    CCOO protesta pola externalización da venda de produtos da ONCE

    • O sindicato considera preocupante os efectos da externalización sobre o emprego, sobre as retribucións económicas dos seus vendedores e vendedoras, así como sobre a propia imaxe pública da entidade.

    Este pasado xoves, 26 de xaneiro, delegadas e delegados de CCOO concentráronse en todo o estado. En Galicia fixérono na Coruña, diante das sedes dos distintos centros de traballo da ONCE, e manifestaron unha vez máis o seu rexeitamento ás políticas comerciais da entidade que, en contra da opinión que sostén a dirección da ONCE, pouco ou nada benefician o conxunto de vendedores e vendedoras.

    27/01/2017.
    Protestas ONCE

    Protestas ONCE

    ~~A dirección da ONCE resalta o suposto beneficio das vendas pola canle física complementaria para o persoal vendedor da entidade que se traduce, din, nun aumento das vendas medias e das comisións que cobra, pero non dá a máis mínima explicación do dato cuantitativo e cualitativo que poida apoiar as súas afirmacións.

    CCOO considera que o aumento desproporcionado da canle de venda externa (un 46 % máis no 2016 sobre o ano anterior), sobre o que a ONCE non dá previsións de desenvolvemento e expansión, xa provocou que desde o 2009 se perdesen en todo o estado 1.613 postos de traballo de venda e 845 de persoal non vendedor, e que se pechasen máis de 60 centros de traballo.

    Do mesmo xeito, as retribucións do persoal vendedor víronse afectadas pola diminución progresiva das vendas (-9 % desde 2009) e, ademais, a dirección da ONCE fai unha aplicación rigorosa do réxime disciplinario, establecendo suspensión de emprego e soldo e mesmo o despedimento aos seus vendedores e vendedoras cando non chegan aos mínimos de venda esixidos pola empresa.

    A precariedade laboral é outro elemento importante da situación actual na ONCE. Un considerable número de contratos non se consolida co único argumento de que o vendedor ou vendedora non alcanza as cifras de venda establecidas unilateralmente polo departamento comercial, normalmente por riba das obrigatorias establecidas no convenio.

    CCOO esíxelle á ONCE que reconsidere esta política institucional que prexudica gravemente o seu persoal vendedor e non vendedor, que renuncie á expansión desorbitada da canle física complementaria, allea ao persoal vendedor da ONCE, e que leve a cabo un verdadeiro labor social dirixido ás persoas con discapacidade en xeral e ás invidentes en particular.