FSC-CCOO Galicia | 21 Novembro 2024.

iV CONCURSO DE DEBUXO FSC GALICIA 2024
  • Menú Documentos

    Acampada en Santiago de Compostela contra os despedimentos en Médicos Sen Fronteiras

    • Instalaranse en tendas fronte á sede de MSF na capital galega; a protesta encádrase na campaña de CCOO contra a precariedade laboral nas oenegués

    Traballadoras e traballadores de Médicos Sen Fronteiras (MSF) iniciarán mañá martes, día 27 de xuño, unha acampada en Santiago de Compostela para protestaren contra os despedimentos nesta entidade. A acción encádrase na campaña de Comisións Obreiras (CCOO) contra a precariedade laboral nas oenegués. O sindicato denuncia que o uso de cláusulas «abusivas» nos contratos das captadoras e captadores de socios podería implicar o despedimento do 80 % do cadro de persoal de MSF.

    26/06/2017.
    concentracion en Santiago

    concentracion en Santiago

    CCOO lembra que a maioría das captadoras e captadores de socios de MSF e outras oenegués son mozas e mozos que, a cambio de baixos salarios e condicións laborais «próximas á explotación», fan un labor que a sociedade percibe como «voluntario». Porén, a realidade é que existe un vínculo laboral e que as condicións de traballo son precarias, apunta o sindicato.

    Desde o sindicato explican que o 94 % do financiamento de MSF é privado, e que as captadoras e captadores de socios recadaron o ano pasado 70 millóns para esta oenegué que, pola súa vez, inviste 14 millóns na captación. A magnitude das crifras dá idea do «fundamental traballo» que realiza para Médicos Sen Fronteiras este colectivo de mozas e mozos.

    Con todo, a oenegué comunicoulle ao persoal que fará efectiva en xullo ?previsiblemente o día 8? unha cláusula por obxectivos que CCOO e outros sindicatos denunciaron xudicialmente por «abusiva». A execución desa cláusula permitiríalle a MSF desfacerse do 80 % das súas traballadoras e traballadores por non lograren uns obxectivos dificilmente alcanzables.

    As captadoras e captadores deben formalizar 24 socias e socios cada mes, cunha cota media de 115 euros anuais. O feito de non cumprir algún dos dous requisitos ?número de altas ou cota anual?, implica unha amoestación, e a acumulación de amoestacións levan consigo o despedimento disciplinario.

    Desde CCOO tamén denuncian outro tipo de prácticas, como constantes cambios de contrato para que as traballadoras e traballadores non gañen experiencia; a exposición a todo tipo de chantaxes ou agresións; as presións constantes por parte dos cargos intermedios para chegar a obxectivos ou deixar o posto de traballo; emprego gratis ou camuflado de voluntariado; horas a maiores fóra do horario laboral para intentar alcanzar os obxectivos.

    Acampada e peticións de CCOO

    A acampada do persoal comezará mañá martes ás 19 h, fronte á sede de MSF en Santiago de Compostela, no número 11 da rúa do Vilar. CCOO pídelle a MSF que retome as conversas co sindicato e que paralice a execución da cláusula de obxectivos mentres non haxa sentenza firme.