FSC-CCOO Galicia | 21 Novembro 2024.

iV CONCURSO DE DEBUXO FSC GALICIA 2024
  • Menú Documentos

    CCOO volve esixir un plan de igualdade para o Grupo Iberia

    • O sindicato considera que, de ter aprobado un plan de igualdade para toda a empresa, como pediu CCOO á Dirección Xeral de Traballo en 2010 e como obriga a Lei de Igualdade, poderíanse evitar actuacións empresariais discriminatorias contra as mulleres, como incluír a proba de embarazo no proceso de selección de persoal

    Despois do anuncio de Iberia de que deixará de incluír a proba de embarazo no proceso de selección de persoal, logo de que a Inspección de Traballo balear multara a Iberia con 25.000 euros, CCOO volve esixir ao Grupo Iberia que negocie o plan de igualdade ao que a obriga a lei de igualdade desde 2007, ao ter un cadro de persoal de máis de 250 persoas. Concretamente, o Grupo Iberia, segundo os seus propios datos, conta con máis de 16.000 traballadoras e traballadores.

    12/07/2017.
    Iberia

    Iberia

    «CCOO, como sindicato maioritario no Grupo Iberia e no sector aéreo, sempre apostou pola negociación dun plan de igualdade que fomente a igualdade de trato e de oportunidades e elimine a discriminación por razón de sexo, confiando en que non sexa necesario que interveña a Inspección de Traballo para a súa posta en marcha. Así mesmo, sempre traballamos na liña de favorecer a aplicación da Lei de prevención de riscos laborais e, sendo a protección da maternidade unha das nosas prioridades, mantivémonos vixiantes en que se adaptaran as condicións laborais das traballadoras en estado de xestación e que non puidese supoñer un motivo de discriminación no acceso a un posto de traballo».
    Negociación do Plan de Igualdade
    En 2008, após o asinamento do XVII Convenio Colectivo entre Iberia e o seu persoal de terra, constituíuse unha comisión de traballo para a elaboración dun plan de igualdade. Posteriormente, tanto no convenio de tripulantes de cabina de pasaxeiros como no de pilotos, tamén se pactou a creación dunha comisión co mesmo obxectivo. Durante o ano 2010 producíronse reunións desa comisión. O obxectivo da empresa sempre foi acordar un plan de igualdade para cada colectivo con convenio.
    A negociación paralizouse en xuño de 2010, cando CCOO formulou unha consulta á Dirección Xeral de Traballo, ao entender que a Lei orgánica 3/2007 establece que o ámbito en que se deben negociar os plans de igualdade é a empresa, independentemente do convenio que se lles aplique.
    A Dirección Xeral de Traballo deulle a razón a CCOO o 22 de outubro de 2010. Ao se manter a negociación paralizada, en febreiro de 2011 o sindicato enviou un escrito á dirección de Iberia solicitando que se retomase a negociación. Só entón Iberia reiniciou a negociación, aínda que en ningún momento demostrou verdadeiro interese en alcanzar un acordo.
    A única novidade posterior foi a negociación e asinamento do plan de igualdade para o colectivo de tripulantes de cabina de pasaxeiros (persoal de voo) co comité de empresa, publicado no BOE en xullo de2011.