FSC-CCOO Galicia | 21 Novembro 2024.

iV CONCURSO DE DEBUXO FSC GALICIA 2024
  • Menú Documentos

    CCOO reclama persoal, medios e formación para previr a radicalización xihadista nas prisións

    • O Ministerio de Interior mantén en prisións 3000 prazas vacantes, 17 intérpretes para 83 centros, falta de medios e de formación específica para o escaso e envellecido persoal que debe combater a ameaza xihadista nun dos seus principais ámbitos de captación

    O 29 de agosto, a sección estatal de CCOO en Institucións Penitenciarias da Federación de Servizos á Cidadanía (FSC-CCOO) rexistrou un escrito dirixido ao Ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, no que solicita máis persoal, medios e unha formación específica para a prevención da radicalización nas prisións.

    31/08/2017.

    As prisións e mais Internet son dous ámbitos de captación e recrutamento de radicais xihadistas. Os espazos penitenciarios poden propiciar que redes e células terroristas se relacionen entre si e contacten con outras organizacións de delincuencia común que acaben financiando o terrorismo.
    Por iso, CCOO reitera a necesidade urxente de abordar o déficit estrutural de persoal en Institucións Penitenciarias, de case 3000 prazas vacantes, e o problema do envellecemento do persoal de vixilancia.
    Especialmente grave é a situación dos tradutores, cun 45 % das prazas sen cubrir. Só contamos con 17 intérpretes para atender as necesidades dos 83 centros penais da secretaría xeral de Institucións Penitenciarias.
    Desde CCOO entendemos que é imprescindible formar a todo o persoal penitenciario en materia de terrorismo xihadista, e deseñar un programa específico eficaz para a prevención e tratamento da radicalización nas prisións.
    Por último transmitímoslle ao ministro a nosa preocupación pola falta de recoñecemento social que sofre o colectivo penitenciario por parte da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias e do seu Ministerio, recordándolle que tamén somos un dos axentes dedicados á seguridade pública.