FSC-CCOO Galicia | 21 Novembro 2024.

iV CONCURSO DE DEBUXO FSC GALICIA 2024
  • Menú Documentos

    CCOO denuncia a consumación da privatización das solicitudes de nacionalidade por residencia

      Esta tarefa, que viñan realizando de forma pública e gratuíta os rexistros civís, poderán levala a cabo avogados e avogadas que cobrarán por facelo a quen poida pagalo, quedando abandonadas á súa sorte as persoas que non dispoñan de medios económicos abondos.

      15/09/2017.
      xestions nacionalidade residencia

      xestions nacionalidade residencia

      O 13 de setembro saiu publicado no BOE o Convenio de colaboración da Secretaria de Estado de Xustiza co Consello Xeral da Avogacía Española, de habilitación para a presentación electrónica de solicitudes de nacionalidade española por residencia.
      Desde o pasado 1 de xullo de 2017, e consonte o disposto na disposición transitoria 2.ª do Real decreto 1004/2015, as solicitudes de nacionalidade por residencia deixan de poder efectuarse a través dos rexistros civís e xa é obrigatorio presentalas por medios telemáticos ou en forma presencial a través de rexistros administrativos.
      CCOO xa advertira que esta medida, baixo a camuflaxe de propiciar a modernización e implantación das novas tecnoloxías na Administración, escondía en realidade unha privatización máis deste Goberno, que prefire favorecer os intereses económicos de determinados colectivos antes que defender un eficaz servizo público que atenda en condicións de igualdade a toda a cidadanía.
      O convenio do Ministerio de Xustiza co Consello Xeral da Avogacía que se publica hoxe no BOE e que se une aos asinados anteriormente cos colexios de xestores administrativos e de procuradores, dálle, lamentablemente, a razón ao sindicato. O Ministerio puido optar por implantar nos rexistros civís os medios tecnolóxicos necesarios para que se continuasen xestionando alí as solicitudes de nacionalidade por residencia, porque, ademais da xestión da solicitude, quen a efectuaba recibía un asesoramento de máxima profesionalidade que garantía que non houbese erros formais ou na documentación que necesariamente ha xuntarse.
      Este asesoramento de alta cualificación non queda agora garantido, xa que calquera avogado ou avogada, procuradora e xestor administrativo, sen ningún requisito de formación específica na materia, poderá adherirse ao convenio e empezar a xestionar dun día para outro estas solicitudes.
      Ademais, como é lóxico, nos despachos destes profesionais da avogacía, procuradoría e xestión administrativa cobrarase pola xestión das solicitudes de nacionalidade por residencia unha cantidade libremente establecida por eles ou os seus colexios profesionais (o convenio non establece cantidades máximas), de xeito que quen queira solicitar a nacionalidade e non dispoña de medios económicos para pagalo quedará sen ningún tipo de asesoramento (o que antes si recibía de balde nos rexistros civís) e xeraranse novas condicións de desigualdade ás que este goberno nos ten tristemente afeitos.
      CCOO solicitoulles ao Goberno e a todos os grupos parlamentarios que a entrada en vigor da disposición que regula este asunto no RD 1004/2015 fose prorrogada, polo menos, ata que entre en vigor a nova lei do Rexistro Civil o 30 de xuño de 2018, aínda que o obxectivo final de CCOO, e así o seguiremos esixindo mediante a presentación das iniciativas que cumpran, é que a competencia tamén nesta materia sexa exclusiva dos rexistros civís como garantía de gratuidade, universalidade, proximidade á cidadanía e profesionalidade de quen exercen esta tarefa.