FSC-CCOO Galicia | 21 Novembro 2024.

iV CONCURSO DE DEBUXO FSC GALICIA 2024
  • Menú Documentos

    Ante os primeiros 469 despedimentos, CCOO volve esixir medidas para evitar o peche de Unipost

      Tras as concentracións realizadas durante o último mes, coincidindo co período de consultas do ERE e cos seus puntos álxidos os pasados 7 e 8 de novembro, nas que o persoal de Unipost mostrou o seu rexeitamento ao peche da empresa e o ERE de extinción previsto para todo o cadro de persoal en toda España, CCOO volve demandar medidas que eviten o peche definitivo da empresa e o despedimento de máis 2200 traballadores.

      19/11/2017.
      CCOO contra o ERE en Unipost

      CCOO contra o ERE en Unipost

      A Administración concursal iniciou a primeira fase de despedimentos, previstos para decembro, que finalmente afectará a 469 traballadores, o 21 % do persoal
      CCOO mostrou o seu rexeitamento á aplicación da segunda fase de despedimentos e lembrou que a compra por parte de Correos ou doutro operador é posible e viable, e volveu demandar a implicación do Goberno para evitar un peche que afectaría a miles de familias e daría lugar a un dos maiores ere do país nos últimos anos.
      O período de consultas do ere tivo os seus puntos álxidos os pasados 7 e 8 de novembro. Nestas datas e no último mes, centos de traballadores/as de Unipost, a maior empresa postal do sector privado, fixeron concentracións en todas as provincias onde Unipost ten centros, para mostraren o seu rexeitamento ante o peche da empresa e o ere de extinción previsto para todo o persoal. CCOO volve demandar medidas que eviten o peche definitivo e o despedimento de 2219 traballadores.
       
      A gravidade da situación de Unipost, que CCOO leva denunciando desde hai anos e que só nos últimos meses saíu á luz tras presentar concurso voluntario de acredores e deixar a situación en mans da Administración concursal, viuse confirmada, entre outros extremos, pola falta de recursos para facer fronte ás nóminas correspondentes a outubro, o que empeora as iniciais previsións da Administración concursal e mostra a crítica situación financeira de Unipost.
       
      Ante esta situación, na reunión mantida hoxe, última do período de consultas do ere, a Administración concursal fixo pública unha listaxe de afectados pola primeira fase de despedimentos previstos para decembro, un total de 469 que supoñen o 21 % do cadro de persoal. O número de despedimentos nesta primeira fase pasa de 559 a 469 pola estimación de próximas xubilacións, baixas voluntarias para os vindeiros 15 días ou vencementos de contratos.
       
      CCOO considera que, ante a evolución dos acontecementos das últimas semanas, logo das reunións mantidas coa Administración concursal, a crítica situación de partida da empresa agravouse e Unipost e os seus traballadores/as atópanse, se non se toman decisións, en tempo de desconto. Neste sentido, o sindicato mostrou o seu rexeitamento a que se continúe cos despedimentos na segunda fase do ere de extinción prevista para os próximos meses e que afectaría o resto do persoal, e volveu insistir, fronte a posibilidade da liquidación da empresa, en que resulta prioritario tomar as iniciativas necesarias para manter a actividade mediante un comprador se se quere evitar o peche.
       
      CCOO lembrou que hai marxes suficientes para que a compra por parte de Correos ou doutro operador sexa posible e viable e volveu apelar o Goberno para que interveña e impida o que pode converterse nun dos maiores ere dos últimos anos, co despedimento directo de 2200 traballadores/as e uns 2000 indirectos doutras empresas asociadas.