FSC-CCOO Galicia | 27 abril 2024.

8M Todo o ano, todo o tempo. POLA IGUALDADE DE XÉNERO
  • Menú Documentos

    CCOO pide unha suba salarial lineal de 250 euros mensuais na Administración Xeral do Estado

    • Reclámase como ineludible para revitalizar o emprego público e devolver os dereitos laborais arrebatados, e anúncianse novas mobilizacións para o día 30 de xaneiro en Valencia, A Coruña e Madrid.

    Os sindicatos CCOO e UGT esixiranlle ao Goberno unha suba salarial lineal de 250 euros mensuais para o persoal da Administración Xeral do Estado (AXE). «Agora é o momento de compensar o esforzo coa devolución de dereitos e salarios», afirma José Manuel Vera, secretario xeral do Sector da Administración do Estado de CCOO. As mobilizacións, iniciadas en xuño do pasado ano, buscan un acordo que garanta salarios dignos, creación de emprego público e devolución dos dereitos laborais suprimidos coa escusa da crise.

    27/01/2018.
    imos recuperar o arrebatado

    imos recuperar o arrebatado

    O responsable de CCOO esixe de novo melloras laborais para as empregadas e empregados públicos de cara á recuperación das negociacións sobre os Orzamentos Xerais do Estado de 2018, despois de que as negociacións previas se interromperan polo anuncio de prórroga orzamentaria do ministro de Facenda e Función Pública, Cristóbal Montoro, ata contar cos apoios suficientes.
     
    Os sindicatos coinciden en que é hora de reclamar melloras. «O persoal ao servizo da Administración sufriu importantes recortes salariais e de dereitos durante os últimos dez anos», recorda José Manuel Vera.
     
    As concentracións de delegados e delegadas de CCOO na Administración Xeral do Estado comezaron o 1 de xuño de 2017 diante da sede de Función Pública en Madrid. Desde aquela pasaron polas delegacións de Goberno de Toledo, Valladolid, Ceuta ou Sevilla, ademais de cada mércores diante do Congreso dos Deputados. Unhas mobilizacións que remataron con dúas manifestacións, unha o 29 de novembro á que estaba chamado o persoal do Estado e outra o 14 de decembro á que estaba convocado todo o persoal público e que contou coa presenza dos secretarios xerais de CCOO e UGT.
     
    «Alegrámonos de que CSIF se una agora á reivindicación do persoal público», recoñece Vera, aínda que lamenta que sexa oito meses despois do inicio das mobilizacións propostas por CCOO. «Gustaríanos contarmos coa unidade sindical desde o principio da campaña. Non entendemos que elixan este momento en vez de estar ao lado das traballadoras e traballadores públicos durante estes meses».
     
    CCOO defende o dereito á negociación colectiva así como as competencias en materia de emprego público das diferentes Administracións e non formula as súas reivindicacións en termos de equiparación salarial. «Queremos contar con fondos suficientes para lograr soldos xustos e dignos para todo o persoal», insiste Vera. «A nosa esixencia na Administración do Estado, onde unha boa parte do persoal cobra menos de 1000 euros, é a suba lineal de 250 euros para cada empregada e empregado público». O sindicato denuncia que a perda retributiva acumulada alcanza o 14 % de media, entre o recorte do 5 % de 2010 e as sucesivas conxelacións que sofren desde hai dez anos.