FSC-CCOO Galicia | 21 Novembro 2024.

iV CONCURSO DE DEBUXO FSC GALICIA 2024
  • Menú Documentos

    A igualdade por diversidade sexual e de xénero, un obxectivo da negociación colectiva

      Baixo o lema «o orgullo da xente traballadora», a Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO organiza o primeiro encontro de diversidade sexual e xénero na acción sindical, celebrado os días 23 e 24 de xaneiro e ao que asistiron representantes de case todos os territorios e sectores federais. A FSC Galicia estivo representada pola secretaria das Mulleres e Igualdade, Mary Rodríguez, e a responsable de Xuventude, Ángela Serantes.

      27/01/2018.

      A inauguración correu a cargo de Ana Sánchez Navarro, secretaria de Formación de FSC-CCOO, que destacou o traballo federal realizado nesta materia e que a celebración destes encontros estaba comprometida nos documentos aprobados no Terceiro Congreso Federal.
      Na primeira mesa, «Os dereitos das persoas LGTBI en España», presentada por Begoña Marugan Pintos, adxunta á Secretaría das Mulleres de FSC-CCOO, interveu Rosario Maseda García, conselleira técnica da Subdirección Xeral para a Igualdade de Trato e Non Discriminación do Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades, que abordou o tema «As persoas LGTB no ámbito do emprego en España: cara a espazos de traballo inclusivos coa orientación sexual e identidade e expresión de xénero». Jesús Generelo Lanaspa, presidente de FELGTB, presentou a «Lei contra a discriminación por orientación sexual, identidade ou expresión de xénero e características sexuais, e de igualdade social de lesbianas, gais, bisexuais, transexuais, transxénero e intersexuais».
      Faise un resumo dos aspectos máis salientables do estudo, no que participou FSC-CCOO, destacando a especial vulnerabilidade das persoas trans e a Lei de igualdade. Esta lei está en trámite parlamentario, aínda que paralizada por tres prorrogas no prazo de presentación de emendas. Destácase a necesidade de aprobar esa lei que nos facilite e nos dea ferramentas para loitar contra a discriminación.
      A segunda mesa, «Traballando en positivo: empresas responsables co VIH e campaña #EuTraballoPositivo», presentouna Mª José Marín Salas, secretaria de Políticas Sociais de Igualdade de FSC-CCOO. Raquel Sebastián Barrio e Julio Gómez Caballero presentan a iniciativa «empresas responsables co VHI», á que FSC-CCOO estamos adheridos, e as diferentes campañas que realizaron e nas que nós tamén participamos.
      A terceira mesa, «Visibilidade sindical da diversidade sexual e de xénero a través da negociación colectiva e a acción sindical», presentárona Miriam Pinillos Carrascosa, secretaria de Políticas Públicas de FSC-CCOO, e Alberto Margallo Pascual, responsable da Secretaría de Negociación Colectiva de FSC-CCOO.
      A primeira xornada conclúe coa mesa presentada por Ángel Moreno Ramos da Secretaría de Saúde Laboral de FSC-CCOO; nela, Cristina Ochando Pardo, adxunta á Secretaría de les Dones, Politiques LGTBI i Institucional CCOO-PV, e Francisco González García, colaborador da Secretaría de Políticas Sociais e Igualdade FSC-CCOO, presentaron o protocolo de actuación en caso de acoso por orientación sexual e identidade e expresión de xénero e o protocolo de transición da persoas trans, respectivamente.
      En ambas as mesas destacouse a importancia da negociación colectiva para conseguir a igualdade de todas as persoas e o carácter pedagóxico que en moitas ocasións ten o convenio colectivo.
      O segundo día iníciase coa presentación dos obxectivos aprobados polo III Congreso de FSC-CCOO a cargo de Mª José Marín Salas.
      A continuación, desenvólvense traballos de grupo baixo a epígrafe «Bancos de experiencias: con que ferramentas, recursos e actuacións contamos para cumprir os obxectivos congresuais de FSC-CCOO».
      Juana Olmeda Gómez, secretaria de Desenvolvemento Organizativo e Afiliación de FSC-CCOO, modera os debates para a posta en común dos traballos realizados nos grupos.
      Finaliza a xornada de traballo cun debate en plenario e a recollida de conclusións, entre as que destaca que CCOO, como sindicato sociopolítico, deber ser un referente, tanto nos centros de traballo como na sociedade, na defensa dos dereitos das persoas LGTBI, da necesidade da formación e sensibilización, dunha mellor comunicación de forma que as guías, notas cheguen aos centros de traballo e a necesidade de que estes encontros teñan continuidade.
      Clausurou os encontros Juana Olmeda Gómez, quen fixo fincapé no compromiso federal co traballo en diversidade sexual e de xénero e en seguir defendendo a igualdade de todas as persoas.