FSC-CCOO Galicia | 21 Novembro 2024.

iV CONCURSO DE DEBUXO FSC GALICIA 2024
  • Menú Documentos

    CCOO acada con Correos un Acordo plurianual 2018-2020

    • Oferta de emprego de 12.000 prazas, unha mellora salarial superior ao 9 %, redución da temporalidade ao 8 % e melloras da prestación do servizo postal público á cidadanía. Con isto, desactívase o conflito e as folgas previstas para o 21 e 26 de decembro

    Para o sindicato, a mobilización, a folga do 30 de novembro e a presión dos paros xerais previstos dos días 21 e 26 deste mes lograron que Correos mellore a súa proposta final e poña para asinar un Acordo que, coida CCOO, atende as reivindicacións dos traballadores e traballadoras da empresa pública e desactivan as folgas xerais previstas nos próximos días.

    20/12/2018.
    Acordo plurianual en Correos

    Acordo plurianual en Correos

    Un Acordo plurianual 2018-2020 que recolle máis dun 9 % de suba salarial, unha oferta de emprego de 12.000 postos fixos, dos cales 4055 se convocarán o ano 2019, unha diminución da temporalidade desde o 35 % actual ata o 8 %, importantes melloras no desenvolvemento e carreira profesional e nas condicións laborais, un programa de xubilacións parciais con contrato de remuda para anovar o cadro de persoal e a despenalización do absentismo. Para CCOO, todas estas melloras contribuirán á calidade de emprego e a mellora do servizo prestado á cidadanía.
     
    Ante a mobilización, a folga xeral do 30 de novembro e a presión dos paros xerais dos días 21 e 26 deste mes, o 19 de decembro, Correos convocou a cuarta mesa de negociación para desactivar o conflito laboral aberto en Correos desde hai oito meses. Nesta mesa, en resposta ás esixencias de CCOO, a empresa presentou propostas de calado que o sindicato valora como aceptables para asinar un acordo que atende as reivindicacións dos traballadores e traballadoras da empresa pública e desactivan as folgas xerais previstas nos próximos días.
     
    Regino Martín, secretario xeral de CCOO-Correos, sindicato maioritario na empresa, resaltou que este acordo é «transcendente para os traballadores e traballadoras de Correos xa que permite a recuperación de salario, emprego e dereitos arrebatados como consecuencia dunha dura crise que os golpeou con severidade, ademais de incorporar novos dereitos que protexen a súa saúde e melloran a súa carreira profesional». Pero «tamén o é», asegura o sindicato, «para a marca Correos que, por fin, rompe a liña de precariedade en que se instalara nos últimos anos e aposta por dar calidade de servizo coidando os seus traballadores e traballadoras». Finalmente, CCOO asegura que o Acordo é igualmente «transcendente para a cidadanía porque coa calidade de emprego e mellores condicións mellorarase a prestación do Servizo Público Postal, clave na vertebración social, económica e política do noso país».
     
    Así mesmo, o sindicato celebra que Correos volva á axenda política do Goberno despois de anos de invisibilidade e sacrificio do persoal cun Acordo plurianual 2018-2020 que recolle un incremento salarial de máis dun 9 % nas raquíticas nóminas mileuristas, a convocatoria de preto de 12.000 prazas fixas, das que 4055 se convocarán en 2019. Esta convocatoria xunto coas de 2016 e 2017, supoñen a recuperación dos 15.000 empregos perdidos na última década. Para CCOO, «esta convocatoria de prazas fixas dá a oportunidade de optar a un emprego fixo e de calidade, dando certeza e seguridade ao futuro laboral de miles de persoas, á vez que fai posible a redución da elevada taxa de temporalidade do 35 % actual ao 8 % e da precariedade instalada na empresa postal pública».
     
    «O Acordo subscrito inclúe ademais melloras substanciais no desenvolvemento e carreira profesional así como nas condicións laborais, conciliando a accesibilidade da cidadanía á rede postal cos dereitos dos traballadores e traballadoras», sinalou CCOO. Entre estas últimas encóntranse medidas en materia de distribución de xornada, melloras na xestión do circuíto do emprego, xubilacións parciais, o estudo de acceso ás excedencias voluntarias incentivadas e de despenalización do absentismo, entre outras, que veñen a recoñecer a singularidade postal e o esforzo produtivo que veñen realizando os traballadores e traballadoras de Correos.
     
    Un acordo que, ademais, incorpora os compromisos de poñer en marcha en 2019 o Plan de Prestación Universal para garantir o Servicio Postal Universal prestado á cidadanía e dun Plan Estratéxico sobre as bases da diversificación, crecemento e internacionalización, así como converter Correos nun operador loxístico de primeira orde no mercado postal europeo e mundial que asegure a viabilidade da maior empresa pública do país.