FSC-CCOO Galicia | 29 abril 2024.

8M Todo o ano, todo o tempo. POLA IGUALDADE DE XÉNERO
  • Menú Documentos

    10 de Marzo: «Hoxe está aquí o corazón da clase obreira galega»

      O acto central do Día da Clase Obreira Galega foi a manifestación que tivo lugar o martes en Ferrol, na que CCOO fixo visibles os principais conflitos, especialmente os que atanguen os sectores industriais. «Hoxe está aquí o corazón da clase obreira galega», exclamou o secretario xeral do sindicato, Ramón Sarmiento, ante os centos de persoas congregadas no Cantón, lugar onde rematou a marcha.

      11/03/2020.

      Este ano, as reivindicacións que presidiron a manifestación do 10 de Marzo en Ferrol estiveron moi centradas na crise industrial que padece Galicia e, especialmente, a comarca ferrolá. Alén da situación das electrointensivas (con Alu Ibérica e Alcoa-San Cibrao, entre outras), tamén están riba da mesa as problemáticas da central térmica das Pontes, de Emesa ou de Isidro 1952, amais do recente peche de Isowat.

      Tampouco faltaron pancartas alusivas ao conflito coa ONCE (pola precariedade laboral e o despedimento dunha delegada en Lugo), a incerteza sobre a situación de ENCE en Pontevedra, a pretensión do Concello de Sanxenxo de privatizar o servizo de axuda a domicilio, en defensa do servizo público de Correos e a prol do ensino público.

      Ofrenda floral

      Pola mañá, antes da manifestación, CCOO participou no acto institucional organizado cada ano polo Concello, que consistiu nunha ofrenda floral diante do monumento ao Dez de Marzo, de onde partiría pola tarde a manifestación. Tamén se depositaron rosas vermellas na placa que dá nome á vía Julio Aneiros, histórico dirixente do sindicato e progatonista dos sucesos de Ferrol de 1972, falecido en 2006.