FSC-CCOO Galicia | 9 mayo 2024.

1 Maio 2024:. POLO PLENO EMPREGO
  • Menú Documentos

    #28AbrilStopCOVID19

    28 de Abril 2020, Día Internacional da Saúde e a Seguridade no Traballo

    • A epidemia de COVID-19 revela a debilidade da prevención de riscos laborais en España
    • A finais dos anos oitenta do pasado século, os sindicatos estadounidenses elixiron o 28 de Abril como día para honrar a memoria das persoas vítimas de accidentes de traballo ou de enfermidades de orixe laboral. Co paso dos anos, esta data de lembranza estendeuse ao conxunto do movemento sindical internacional.

    Cada 28 de Abril, CCOO e UGT lembramos as traballadoras e traballadores que están detrás das estatísticas de accidentes e enfermidades laborais e que sofren as súas peores consecuencias, denunciamos as condicións de traballo que están na orixe desta eiva social e realizamos propostas de cambio na normativa e nas políticas para mellorar a saúde e a seguridade da clase traballadora.

    28/04/2020.
    #COVID19

    #COVID19

    Pero o de 2020 non pode ser un 28 de Abril coma o doutros anos. Enfrontámonos a unha crise mundial de saúde pública como non se acorda desde hai algo máis dun século, unha pandemia que en España xa supón o contaxio de centenares de miles de persoas, tensa os sistemas sanitarios alén dos seus límites, paraliza gran parte da actividade económica do país e, o que é máis grave e doloroso, xa levou decenas de miles de vidas. Este ano, a nosa lembranza debe ser para esas vítimas, pero tamén para todas aquelas persoas que desde os seus postos de traballo se converteron no principal baluarte de defensa fronte á enfermidade, poñendo en risco a súa saúde e, en demasiadas ocasións, as súas propias vidas. Persoas de clase traballadora que hoxe se demostra que son a clave para garantir os aspectos máis básicos da nosa sociedade.

    Desde CCOO e UGT sempre defendemos que a saúde laboral forma parte de xeito indisociable da saúde pública, e esa realidade faise rotundamente evidente coa pandemia de COVID-19. De feito, os contaxios no ámbito laboral e nos desprazamentos vinculados son, lamentablemente, importantes vectores de propagación do virus, tanto nos sectores esenciais que están garantindo a saúde e as subministracións da poboación como en empresas que non forman parte deles.

    CCOO e UGT tamén vimos alertando da contradición entre o mantemento dun sistema económico que prima a obtención de beneficios empresariais fronte á saúde das persoas traballadoras. Logo da gran recesión de 2008 e a imposición de políticas de austeridade como única vía posible de saída da crise, vimos como os recortes decimaban servizos públicos que agora se revelan imprescindibles, como a sanidade pública. Paralelamente, produciuse unha redución de investimentos en prevención de riscos laborais nas empresas e de financiamento de políticas públicas activas en materia preventiva. Na última década asistimos a un rebrote dos accidentes de traballo, á ocultación e subrexistro das enfermidades profesionais, e afixémonos a que o lema «a precariedade laboral mata» se fixera recorrente nas campañas sindicais de denuncia.

    O sistema preventivo español xa se encontraba nunha situación de debilidade debido a demasiadas inercias derivadas das opcións que se foron tomando durante estes 25 anos desde a aprobación da Lei de prevención de risco laborais: configuración da prevención como un negocio e non como un dereito, externalización da súa xestión, imposibilidade de articulación sindical nun universo de pemes e micropemes, un medio institucional de actuación pública que apenas regula minimamente o «mercado da prevención».

    Pero a chegada da pandemia de COVID-19 acabou por arrasar a prevención en España. Cando por fin se constatou a gravidade do problema, as autoridades sanitarias empezaron a publicar instrucións e procedementos e, finalmente, declarouse o estado de alarma, o caos desatouse no noso sistema preventivo. Os servizos de prevención, actores indispensables para a organización e integración das actividades preventivas nas empresas, mostraron en moitos casos tremendas limitacións á hora de facer fronte ao reto de avaliar e establecer medidas preventivas para limitar as exposicións ao virus, convertendo en papel mollado as instrucións das autoridades sanitarias. E se estas limitacións se puideron apreciar en servizos de prevención propios, no caso dos servizos de prevención alleos alcanzaron cotas escandalosas. A maioría dos servizos de prevención alleos non foron desenvolvendo tempo antes unha verdadeira prevención nas empresas, senón que se limitan a tramitar a documentación requirida co fin de cumprir, para os efectos meramente formais, coa normativa e, como moito, ofertan avaliacións de risco tipo e uns recoñecementos médicos non específicos.

    Neste contexto de emerxencia sanitaria, os servizos de prevención alleos desaparecen da escena, pero aínda que quixesen ter outro papel, non sería posible: os seus criterios mercantilistas de xestión e a feroz competencia entre eles deron como resultado unhas ratios inasumibles de empresas por cada un dos seus técnicos, ata máis de duascentas nalgúns casos, o que lles imposibilita a estes profesionais desenvolver unha actividade de calidade e os somete a unhas cargas de traballo e de responsabilidade incompatibles coa súa propia saúde. E non podemos deixar de recordar os intentos dalgúns destes servizos de prevención que, no medio desta crise e de maneira irresponsable, solicitaron erte para parte dos seus cadros de persoal mentres algún deles, en paralelo, ofrecía tests de COVID-19 aos seus clientes.

    Pero tamén se botou en falta neste contexto unha maior presenza das institucións públicas no ámbito laboral. Desde os sindicatos vimos reclamando unha maior coordinación entre os departamentos de sanidade e de traballo, tanto na Administración xeral do Estado como nas comunidades autónomas, para lograr a plena integración da saúde laboral na saúde pública. Pero iso non se pode facer no marco dun retroceso das institucións que deberían liderar este proceso. O exemplo máis palpable é o do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, que non parou de reducir o seu cadro de persoal desde hai demasiados anos e cuxo labor como organismo científico-técnico non tivo nestes momentos o peso que nos gustaría.

    E algo semellante podería dicirse da Inspección de Traballo e da Seguridade Social. Que conte cunha das ratios de inspectores de traballo por poboación ocupada máis baixa de Europa dificultou en exceso a atención ás denuncias que persoas traballadoras e sindicatos presentamos, ao que habería que engadir o criterio do Organismo Estatal da ITSS, que renunciaba de facto a paralizar actividades por risco grave e inminente de contaxio ante o novo coronavirus ou a propoñer sancións nunha maioría de situacións. Un criterio que, ao noso xuízo, deixou moitas persoas traballadoras sen un dos principais mecanismos en defensa da súa saúde.

    Malia todo, desde CCOO e UGT seguimos traballando para afrontar esta crise sanitaria facendo o que mellor sabemos: defender a clase traballadora denunciando onde sexa preciso e esixindo o cumprimento da normativa en materia de prevención de riscos laborais, normativa que, recordamos, ha cumprirse incluso durante o estado de alarma. Contamos cun equipo insubstituíble para levar a cabo esta tarefa, como son os miles de delegados e delegadas de prevención e os comités de seguridade e saúde que traballan cada día nos centros de traballo para garantir unhas condicións de seguridade e saúde adecuadas para os seus compañeiros e compañeiras.

    Por último, nestes días son moitas as voces que insisten en que tras a pandemia se configurará un mundo diferente, aínda que ninguén se atreve a asegurar cal vai ser a dirección desa reformulación. Na pequena escala do ámbito da prevención española cómpre un cambio de paradigma para que a saúde e a seguridade das persoas traballadoras se converta na prioridade inescusable e no eixe sobre o que pivote todo o sistema. Pero para iso será necesaria a mobilización de toda a clase traballadora, non só do noso país, para que o sistema económico e de relacións sociais do que nos dotemos non se contrapoña á saúde e a vida.