FSC-CCOO Galicia | 27 abril 2024.

8M Todo o ano, todo o tempo. POLA IGUALDADE DE XÉNERO
  • Menú Documentos

    O Tribunal Supremo condena a Médicos Sen Fronteiras por condicións laborais abusivas

    • A sala do social do Alto Tribunal confirma a nulidade por cláusula abusiva do rendemento dos captadores de socios e socias de Médicos sen Fronteiras en Galicia.

    A sala do social do Tribunal Supremo español confirma así a sentencia previa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que declarou en 2018 nula a cláusula de produtividade que afecta a todos os captadores e captadoras de socias da ONG en Galicia.

    22/07/2020.
    Medicos sen fronteiras despide

    Medicos sen fronteiras despide

    Tras catro anos de procesos xudiciais, o conflito legal entre CC.OO. e MSF pola cláusula contractual número 7 na captación de socias, sáldase cunha vitoria para o cadro de persoal na ONG en Galicia. A citada cláusula 7, agora declarada nula polo alto tribunal, impoñía uns obxectivos semanais que só cumprían o 11% das traballadoras no ano 2016 en Galicia e que xeraba unha rotación anual de preto de 200 persoas para uns 40 postos de media en toda Galicia. Unha ferramenta, por tanto, para reforzar a temporalidade e a precariedade e que impedía aos traballadores e traballadoras definir un proxecto de vida en base ao seu traballo e ingresos.

    Dende a Sección Sindical de CC.OO. en MSF Galicia e a Federación de Servizos á Cidadanía de Comisións Obreiras en Galicia celebramos a decisión do Tribunal Supremo e subliñamos que esta decisión supón o inicio dun peche de ciclo reivindicativo en MSF en Galicia. Con todo, no que respecta á situación das captadoras de socias e socios de ONG en España, isto supón o inicio dunha posible conquista de dereitos para todo un colectivo en España e un cambio de paradigma en relación á maneira na que as organizacións humanitarias se financian a través da captación de socias.

    A Federación de Servizos á Cidadanía de CC.OO. en Galicia facemos un chamamento ás traballadoras na captación de socias para que coa axuda de Comisións Obreiras sigan os pasos do cadro de persoal de MSF na conquista de dereitos e esiximos tamén a reincorporación inmediata das traballadoras de Médicos Sen Fronteiras despedidas pola cláusula de produtividade número 7 en base á recente decisión do Supremo.