FSC-CCOO Galicia | 8 mayo 2024.

1 Maio 2024:. POLO PLENO EMPREGO
  • Menú Documentos

    Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo volve confirmar que as actividades de prevención, extinción de incendios e salvamento entran no ámbito de aplicación da LPRL

      O pleno da Comisión Nacional, reunido onte, 14 de outubro, aprobou por unanimidade un documento consensuado no seu Subgrupo de Traballo de Actividades de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento, no que se recoñece que as tarefas habituais deste tipo de actividades están baixo o amparo da LPRL e o resto de reais decretos que a desenvolven.

      15/10/2020.
      Coordinadora Estatal de Bomberas y Bomberos

      Coordinadora Estatal de Bomberas y Bomberos

      No documento, aprobado por unanimidade tanto no Subgrupo de Traballo como no Pleno da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST), constátase a existencia no noso país de dificultades na correcta aplicación da normativa de prevención de riscos laborais nestas actividades, en gran parte debido a unha incorrecta interpretación das exclusións á aplicación da LPRL e da Directiva 89/391/CEE da que provén. Para solucionar este problema de interpretación, a CNSST recorre á doutrina do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) e á interpretación que dela realiza a Dirección Xeral de Traballo do Ministerio de Traballo e Economía Social.

      Na sentenza do TXUE, Sala Segunda, do 12 de xaneiro de 2006 (Asunto C-132/04), sinálase que a aplicación da Directiva 89/391/CEE, e por tanto da LPRL, «debe entenderse de maneira ampla» á vista dos obxectivos que persegue, e «que as excepcións ao seu ámbito de aplicación deben interpretarse restritivamente». Así mesmo, a sentenza indica que a exclusión non é aplicable debido á pertenza a un determinado sector de actividades, senón a cometidos especiais que corresponden a acontecementos excepcionais. No caso dos servizos de protección civil, o TXUE considera que «cabe aplicar a Directiva 89/391, dado que os ditos cometidos se realizan, en condicións habituais, conforme á misión encomendada ao servizo de que se trata, e isto aínda cando as intervencións derivadas das ditas actividades sexan, pola súa propia natureza, imprevisibles e poidan expoñer os traballadores que as realicen a algúns riscos para a súa seguridade e saúde».

      A Dirección Xeral de Traballo, en relación coa aplicación da LPRL a estas actividades e ao fío da sentenza do TXUE, afirma que «a lexislación en materia de prevención de riscos laborais é de aplicación ás actividades daqueles traballadores que se dedican á prevención, extinción de incendios e salvamento como parte dos servizos de protección civil e de acordo coa súa lexislación específica, xa teñan por obxecto combater un incendio ou prestar socorro doutra forma, dado que se realizan en condicións habituais, conforme á misión encomendada ao servizo de que se trata».

      A xuízo de CCOO, a aprobación deste documento da CNSST constitúe unha gran noticia para a saúde e a seguridade das bombeiras e os bombeiros de España, xa que despexa de vez a controversia, en moitas ocasións interesada, sobre a aplicación da LPRL e de todos os reais decretos que a desenvolven nos colectivos de bombeiras e bombeiros, tanto dos Servizos Públicos (SPEIS), como forestais, industriais ou aeroportuarios. Ademais, hai que lembrar que a LPRL, xunto co resto da normativa que a desenvolve, constitúe o estándar máis alto de protección da saúde no traballo no ordenamento legal español, polo que a pretensión manifestada por algúns colectivos de desenvolver un marco legal de prevención de riscos laborais para estes colectivos non só suporía un retroceso nos dereitos de bombeiras e bombeiros, senón que podería carecer de sustento legal.

      A Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo está regulada pola propia Lei de prevención de riscos laborais e constitúese como o órgano colexiado asesor das Administracións públicas na formulación das políticas de prevención e o órgano de participación institucional en materia de seguridade e saúde no traballo. O seu Pleno está integrado por un representante de cada unha das comunidades autónomas e por igual número de membros da Administración Xeral do Estado e, paritariamente con todos os anteriores, por representantes das organizacións empresariais e sindicais máis representativas, figurando nestas últimas CCOO, UGT, CIG e ELA-STV.

      No Subgrupo de Traballo de Actividades de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento, que foi creado a instancias das organizacións sindicais e que elaborou o documento que se acaba de aprobar, participan, ademais de diversas comunidades autónomas, representantes do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, Dirección Xeral de Inspección de Traballo e da Seguridade Social, Dirección Xeral de Protección Civil, CEOE, CEPYME, CCOO e UGT. O Subgrupo de Traballo continúa realizando as súas tarefas na liña fixada polos dous obxectivos do seu mandato: o estudo dos riscos específicos destas actividades e a elaboración de propostas de medidas orientadas a mellorar a protección da seguridade e saúde deste colectivo de traballadores.