FSC-CCOO Galicia | 28 abril 2024.

8M Todo o ano, todo o tempo. POLA IGUALDADE DE XÉNERO
  • Menú Documentos

    CCOO denuncia a ausencia de socorristas en Sanxenxo polo «afán privatizador» de Telmo Martín

      A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO de Galicia (FSC-CCOO) denuncia a ausencia de socorristas en Sanxenxo polo «afán privatizador» do rexedor, Telmo Martín, e pola «mala xestión» do seu equipo. A día de hoxe, das case cen persoas que integran o servizo de socorrismo, ningunha está incorporada ao posto de traballo. «O único que lle salva os mobles ao alcalde é o mal tempo destes días», apuntan desde o sindicato.

      17/06/2021.
      Casa do Concello de Sanxenxo

      Casa do Concello de Sanxenxo

      Ata agora, o servizo de socorrismo prestábase a través da empresa pública Turismo de Sanxenxo. Porén, o Concello tomou a «mala decisión de privatizalo». Inicialmente, gañou o concurso unha empresa, pero a que obtivo a segunda mellor puntuación presentou un recurso e acabouse facendo coa licitación.

      Non obstante, a «falta de axilidade» e de «capacidade de resolución» por parte do Concello están deixando o persoal «tirado», porque non se acaba de formalizar o contrato. O pasado 15 de xuño era a data en que teoricamente se debían incorporar aos seus postos parte das traballadoras e traballadores —o resto, o vindeiro 1 de xullo—, pero non o puideron facer de momento.

      CCOO urxe o Concello de Sanxenxo a que chame os traballadores a que se incorporen ao seu posto de traballo. «O persoal de socorrismo non pode pagar o pato das malas decisións e da incapacidade de Telmo Martín e do seu Goberno», critican desde a FSC-CCOO, que atribúe o «esperpento» actual á decisión de privatizar un servizo público que funcionaba correctamente.