FSC-CCOO Galicia | 21 Novembro 2024.

iV CONCURSO DE DEBUXO FSC GALICIA 2024
  • Menú Documentos

    Éxito da xornada '25N - Tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación: A linguaxe tamén importa'

    • Tivo lugar este mércores e contamos coa participación da directora de La Marea, Magda Bandera, e a coordinadora da Red Ana Bella de Mujeres Supervivientes, Gemma Sunyer, amais da nosa secretaria de Mulleres, Carmen López, e da adxunta á Secretaría de Mulleres, Igualdade e Condicións de Traballo confederal, Begoña Marugán.

    Este mércores, 17 de novembro, con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, celebrouse en Madrid a xornada '25N - Tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación: A linguaxe tamén importa', sobre o tratamento informativo nos medios de comunicación dos casos de violencias machistas. Contamos coa participación da directora de La Marea, Magda Bandera, e a coordinadora da Fundación Ana Bella de Mujeres Supervivientes, Gemma Sunyer, amais da nosa secretaria de Mulleres, Carmen López, e da adxunta á Secretaría de Mulleres, Igualdade e Condicións de Traballo confederal, Begoña Marugán.

    24/11/2021.
    ]Xornada '25N - Tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación: A linguaxe tamén importa'

    ]Xornada '25N - Tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación: A linguaxe tamén importa'

    Magda Bandera foi a primeira en intervir e lembrou que leva cubrindo este tipo de noticias desde o ano 2007. Desde aquela, dixo, moitas cousas cambiaron. Entre outras, as redes sociais, «que están marcando moito e moitos xefes estanse poñendo ao día». «Xa non dicimos 'as mulleres morren', senón 'son asasinadas', aínda que hai que coidar a redacción porque non podemos poñer 'un asasino', pois hai que respectar a presunción de inocencia», explicou, e aconsellou cambiar a fórmulas como 'un detido polo asasinato' dunha muller.

    «Falar de violencia machista é moito máis que falar de asasinatos, iso é a parte máis dura, é a punta do iceberg. Empezamos a falar agora de violencia vicaria e, desgraciadamente, fálase moi pouco de violencia económica», recalcou. Tamén é importante «facer seguimento dos casos, falar con especialistas. En La Marea intentamos que cada caso teña interese, se dicimos “un novo caso de violencia machista”, a xente deixa de prestarlle atención porque lle soa a algo coñecido e desconecta».

    Puxo en valor o proxecto de La Marea denominado «Por todas», que é posible grazas ao micromecenado e que intenta achegar contexto aos casos de violencias machistas, falando de cada muller, da súa vida, das súas circunstancias... En definitiva, dixo, esta é «a forma de personalizalas e facer que deixen de ser números para converterse en persoas».

    Pola súa parte, Begoña Marugán explicou o proxecto que se está levando a cabo nunha universidade madrileña que se chama 'Empatía'. Trátase de dispositivos —un colar e un reloxo— que son capaces de «medir automaticamente o medo nas vítimas para dar a alerta de forma inmediata á Policía». A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO sinalou: «ten traballado moito a violencia coas policías, coas gardas civís e parécenos moi importante facelo tamén cos medios de comunicación».

    Pola súa banda, Carmen López presentou á coordinadora da Fundación Ana Bella de Mujeres Supervivientes, que está formada por 27 000 integrantes en 82 países. Creouse no 2006, recordou, e explicou que se trata de mulleres superviventes das violencias machistas e que, «a través das súas vivencias e a súa empatía, axudan a outras que están sufrindo maltrato a tratar de que recuperen a súa vida». Xa levan apoiado a máis de 40 000 mulleres e reciben unha media de 20 peticións de axuda ao día.

    Mostrouse partidaria de que exista «unha rede pública que axude as mulleres. Os recursos non é que sexan escasos, é que son case nulos», lamentou.

    Despois foi a vez de Gemma Sunyer, que contou o caso da fundadora da Fundación Ana Bella, que leva o seu nome. «É unha supervivente, estivo once anos nunha relación de maltrato ata que un día decidiu coller os seus catro fillos e ir denunciar. Pero unha de cada catro mulleres non pide axuda. Ela decidiu aparecer nos medios de comunicación para dicirlles a outras vítimas que hai unha alternativa, que se pode saír desa situación e vivir unha vida nova».

    A raíz da súa aparición en Canal Sur, Ana Bella, que nin sequera tiña constituída a fundación, recibiu un aluvión de mil peticións de axuda que naquel momento non podía nin xestionar. Iso levouna a crear unha fundación «e unha rede na que as mulleres superviventes nos unimos para axudar, entendemos as barreiras, chegamos onde as institucións non chegan, somos as amigas das superviventes, podemos acompañalas desde a empatía, desde o amor, incluso podemos chegar a entender que volvan co seu maltratador, que inicien unha relación de maltrato con outro home, non as xulgamos, non as revitimizamos», recalcou.

    «É moi importante que os medios de comunicación dean voz ás superviventes e conten como deron saído adiante e vivir a súa vida sen esa parella e ser persoas realizadas, apoderadas e felices lonxe do maltrato». «Gústanos máis denominarnos superviventes ca vítimas, porque significa que xa estamos no proceso de recuperación», subliñou.

    Tamén se mostrou partidaria de empezar a «poñer o foco no home». «Moitas veces as campañas céntranse en como axudar as vítimas para que rompan o silencio. Porén, poucas veces se centran nos homes, é importante que eles tamén detecten situacións de control, que son o inicio do maltrato, e poidan pedir axuda para cambiar», dixo. Tamén ha poñerse a atención en «como o noso círculo pode denunciar e actuar, acompañándonos. Preguntámoslles ás superviventes como lles gustaría que as acompañasen. Unha boa práctica é preguntarlles “como podo axudarche” en vez de dicirlles o que teñen que facer».

    «Tamén traballamos coas empresas como axentes de cambio. Quen pode decatarse dos sinais de alarma? O noso compañeiro ou compañeira de traballo, que pasa cada día oito horas con nosoutras. Se unha muller se pon moi nerviosa cada vez que ten que quedar un pouco máis no traballo, un compañeiro ou compañeira pode decatarse e detectar que iso pode ser un sinal de alarma», explicou.

    Tamén apostou por traballar coas empresas para que sexan «lugares seguros». «Canto máis involucrada está a empresa, máis rápida é a recuperación. Se a empresa lle permite á muller resituarse sen perder o traballo e acceder a unha redución de xornada sen redución salarial (que xa conseguimos en varios casos), iso é moi importante. É moi bonito ver como as empresas, tras sensibilizarse coa situación desde as perspectivas das mulleres, toman medidas moi por encima das que marca a lei, como o acompañamento das mulleres vítimas ás súas casas polos vixilantes de seguridade, ou establecer un filtro de chamadas para que as vítimas non sexan acosadas telefonicamente polos seus maltratadores», afirmou, e agradeceu a mediación de CCOO para abrirlle á fundación as portas de tres grandes empresas coas que actualmente están traballando.

    Por último, abriuse unha rolda de palabras que deu paso a un debate no que se abordaron temas que xa se trataran e algún outro, como por exemplo a «violencia institucional»: a baixa taxa de condenas, os permisos penitenciarios aos maltratadores (son os delitos en que máis permisos se conceden), a desprotección das vítimas pola falta de recursos que se poñen ao seu dispor, etc., e apostaron por dar un papel máis relevante na negociación colectiva e os convenios colectivos a esta eiva, ademais de incluílas nos plans de igualdade, para lles dar maior relevancia e ser máis efectivas no camiño cara á súa erradicación.