FSC-CCOO Galicia | 21 Novembro 2024.

iV CONCURSO DE DEBUXO FSC GALICIA 2024
  • Menú Documentos

    Manifesto 8M 2022: Sen perspectiva de xénero non hai igualdade

      Dicía Simone de Beauvoir: «A representación do mundo, coma o mesmo mundo, é obra dos homes; eles descríbeno desde o seu propio punto de vista, que confunden coa verdade absoluta».

      03/03/2022.
      Sen perspectiva de xénero non hai igualdade

      Sen perspectiva de xénero non hai igualdade

      O masculino non é neutro e unha análise da realidade que explica a vida en calquera faceta (traballo, saúde laboral, arquitectura, urbanismo, economía, política, medicina, sociedade…) tendo en conta só o mundo desde a perspectiva dos homes, como neutro, non é un mundo igualitario.

      A perspectiva de xénero, ademais de ser unha obriga, permite mellorar a vida das persoas pois axuda a entender a vida das mulleres e dos homes e as relacións que existen entre unhas e outros, mostrando as diferenzas establecidas, tanto biolóxicas como culturais, para poder modificalas.

      No 12.º Congreso Confederal, os nosos estatutos incluíron o feminismo nos principios de CCOO, o que nos obriga aínda máis a toda a afiliación, a representación sindical e as estruturas en xeral a avanzar para progresar en igualdade nas nosas accións internas e externas. Pero ademais, os nosos estatutos federais do IV Congreso de FSC-CCOO obrígannos explicitamente a aplicarmos a perspectiva de xénero pois, ao non contar co desexable avance en igualdade real, necesitamos darlle un maior empuxe para lograr a participación efectiva das mulleres tanto nas nosas estruturas internas como externas ou nos nosos eventos.

      Debemos ter en conta que, se queremos seguir avanzando en igualdade, é necesario axustar e cambiar algúns patróns actuais. Avanzar para progresar esixe modificar parte do actual modelo e os métodos de traballo.

      Incorporar a transversalidade de xénero en todos os ámbitos da política sindical, co apoio das Secretarías das Mulleres, amais de promover e desenvolver accións positivas e eliminar os obstáculos para avanzar en igualdade, é a nosa obriga, e por iso debemos:

      · aplicar a perspectiva de xénero;

      · utilizar a linguaxe non sexista;

      · redistribuír equitativamente as actividades entre os sexos;

      · potenciar os espazos que permitan o apoderamento das mulleres;

      · non participar en grandes actos nin realizar eventos con ausencia de mulleres;

      · fomentar a participación das mulleres dándolles voz nos actos en que esteamos;

      · romper o teito de cristal e, especialmente, impedir o chan pegañento;

      · integrar as mulleres na negociación;

      · promover, especialmente nas seccións sindicais, a participación das mulleres en todos os órganos de dirección e coordinación do sindicato;

      · tolerancia cero: ningún agravio machista nin violencia sexual, por leve que sexa, debe ser consentida;

      · coñecer e aplicar os plans de igualdade e os protocolos contra o acoso sexual e por razón de sexo.

      «A nosa sociedade é masculina e ata que non entre nela a muller non será humana». Henrik Johan Ibsen