FSC-CCOO Galicia | 4 mayo 2024.

1 Maio 2024:. POLO PLENO EMPREGO
  • Menú Documentos

    CCOO reúnese cos alcaldes de Tui e Valença do Minho para tratar a mellora das infraestruturas ferroviarias

    • O sindicato defendeu ante os rexedores municipais un plan integral de necesidades de transporte que teña en conta tanto as conexións galegas como as portuguesas nas áreas fronteirizas

    O sector Ferroviario de CCOO continúa a rolda de reunións cos alcaldes e alcaldesas dos concellos próximos á liña Atlántica e do Miño para tratar a necesidade de mellorar as infraestruturas ferroviarias. Esta semana reuníronse co rexedor municipal de Tui, Enrique Cabaleiro González, e co presidente da Câmara Municipal de Valença do Minho, José Manuel Vaz Carpinteira.

    08/03/2022.
    De esquerda a dereita, Enrique Cabaleiro (alcalde Tui), Juan Gómez e Antón Conde (CCOO)

    De esquerda a dereita, Enrique Cabaleiro (alcalde Tui), Juan Gómez e Antón Conde (CCOO)

    Nestes encontros destacáronse as melloras realizadas tanto na rede española como na portuguesa e que continuarán cos plans orzamentarios previstos. Con todo, púxose de manifesto a necesidade de ampliar os servizos ferroviarios de proximidade nas áreas fronteirizas para, deste xeito, asegurar a conexión e continuidade cos trens de longa e media distancia do Eixe Atlántico e Portugal.

    Entre outras actuacións, CCOO propón o establecemento de ligazóns en Guillarei e Valença coas conexións portuguesas e lanzar outra directa a Lisboa que parta desde Vigo-Guixar. Desde o sector Ferroviario de CCOO tamén avanzaron unha proposta de rede internacional de proximidade entre Viana do Castelo e Vigo-Guixar.

    CCOO coida imprescindible un plan integral de necesidades de transporte para desenvolver un modelo ferroviario baseado na rede de proximidade, con servizos económicos e frecuencias eficaces, pero sen esquecer as conexións e frecuencias dos trens portugueses.

    Tamén propón que as estacións de Tui e Valença, dada a súa singularidade fronteiriza, teñan unha comunicación ferroviaria cunha tarifa especial entre elas e a un custo «simbólico» para que flúa o turismo e se fomente a mobilidade da poboación. «A parada comercial de trens na estación de Tui debe ser real antes do verán, é unha cuestión urxente», sinala CCOO.