FSC-CCOO Galicia | 27 abril 2024.

8M Todo o ano, todo o tempo. POLA IGUALDADE DE XÉNERO
  • Menú Documentos

    CCOO denuncia a Residencia Santa Lucía da Fonsagrada pola vulneración da liberdade sindical das traballadoras

      Unha das traballadoras foi despedida por presentarse na candidatura deste sindicato.

      27/05/2022.
      Residencia Santa Lucia

      Residencia Santa Lucia

      Instamos a Consellaría de Política Social a que deixe de mirar para outro lado e extreme a vixilancia sobre as malas prácticas en dereitos laborais, que repercuten na calidade da atención ás persoas residentes.

      CCOO de Lugo denuncia a vulneración da liberdade sindical na empresa Residencia Santa Lucía da Fonsagrada polo despedimento dunha traballadora que se presentaba ás eleccións de delegada de persoal, pola falta de vontade negociadora da empresa e pola súa «evidente hostilidade» cara a este proceso de eleccións. 

      A traballadora foi despedida ao día seguinte do preaviso de eleccións e presentación da súa candidatura, argumentando unha falta disciplinaria que, ata o momento do preaviso das eleccións, non tivera relevancia ningunha ante a empresa, como recollen as conversas previas entre as partes implicadas. 

      CCOO critica a actuación da empresa ante a vulneración da liberdade sindical das traballadoras, xa que dende o momento en que se iniciou o proceso de eleccións sindicais, comezaron as coaccións e ameazas por figurar nunha candidatura de CCOO, que continúan a día de hoxe. Estas prácticas abusivas xa foron denunciadas ante a Inspección de Traballo; igualmente, impugnouse o proceso electoral ante a Xunta de Galicia ao excluír a traballadora despedida do censo, cuestión que xa foi resolta favorablemente para CCOO nun laudo arbitral que obriga a empresa a incluíla como electora e elixible neste proceso electoral.

      Así, CCOO pon de manifesto a precariedade laboral a que están sometidas as traballadoras, que, ata o de agora, non deran o paso de loitar polos seus dereitos e foron obxecto de cambios a categorías profesionais inferiores, coa correspondente baixada de soldo e desempeñando funcións que non lles corresponden; tamén asinan nóminas por importes superiores ao que lles pagan, non se respectan as xornadas laborais e moito menos os descansos establecidos no convenio colectivo. 

      Ante tales abusos laborais e a negativa da empresa a negociar unhas condicións básicas e dignas, imcumprindo sistematicamente o convenio colectivo que lles corresponde, as traballadoras decidiron dar o paso de exercer a súa liberdade sindical, o que lle custou a unha delas o posto de traballo e ao resto unha situación intolerable de acoso laboral por parte da empresa. 

      Por último, CCOO advirte que «non deixaremos de chamar ás cousas polo seu nome» e, se a empresa segue boicoteando o proceso electoral e non respecta as normativas vixentes tanto en materia laboral como de saúde pública, CCOO convocará concentracións proximamente diante deste centro de traballo para dar a coñecer a toda a poboación as súas deficiencias e neglixencias. 

      Tamén instamos a Consellaría de Política Social, da que dependen as residencias da terceira idade, a que deixe de mirar para outro lado e extreme a vixilancia sobre as malas prácticas en dereitos laborais que repercuten na calidade da atención ás persoas residentes.