FSC-CCOO Galicia | 29 abril 2024.

8M Todo o ano, todo o tempo. POLA IGUALDADE DE XÉNERO
  • Menú Documentos

    Manifestación en agradecemento á Autoridade e empresas do Porto polo seu apoio á continuidade de ENCE en Lourizán-Pontevedra

      Unha manifestación percorreu hoxe a estrada de Pontevedra a Marín, convocada pola sección sindical de CCOO en ENCE, os comités das auxiliares e demais sectores dependentes. O sindicato quere a permanencia de ENCE en Lourizán e a adscrición ao porto de Marín dos terreos que ocupa a fábrica, única alternativa viable para evitar o peche e a perda de milleiros de postos de traballo, e rematar con esta situación de ataque a moitas familias de traballadores e traballadoras.

      27/05/2022.

      URL | Código para insertar

      CCOO de Pontevedra, xunto coa sección sindical de CCOO na factoría ENCE, acordaron aprazar a manifestación que tiñan previsto celebrar o venres, 18 de febreiro, e que finalizaba no porto de Marín, onde tiña a súa base o pesqueiro sinistrado, en sinal de respecto e solidariedade cos afectados e as súas familias, a mesma solidariedade que seguen trasladando.

      Tres meses despois, os traballadores e traballadoras cuxo futuro depende da permanencia de ENCE en Lourizan percorreron hoxe os catro quilómetros que separan a fábrica de ENCE da sede da Autoridade Portuaria. A mensaxe que queren transmitir é que, nestes tempos en que a sociedade lles demanda aos Gobernos a creación de postos de traballo, nesta comarca uns partidos políticos que din ser de esquerdas e defender a clase obreira manteñen a súa intención de atentar contra o futuro laboral de máis de 5000 familias. O BNG e o PSOE non queren para Lourizán o que piden para outras zonas de Galicia ou de España (Asturias). 

      Peche de ELNOSA

      A percepción cidadá vai do lado do sentido común, pero a da clase política que goberna as institucións máis importantes da nosa comarca (Concello e Deputación) vai por outro ben distinto. Conseguiron pechar Elnosa, empresa que servía para potabilizar a auga dos 313 concellos de Galicia, pero agora goza de mellor vida en Cantabria. 

      Ciclo produtivo da pasta de papel

      Completar o ciclo produtivo de Ence e transformar a pasta de papel en papel de uso doméstico e sanitario foi unha reivindicación histórica, compartida no seu momento polos partidos que gobernan as principais institucións pontevedresas. Cando chegou o momento de poñer en marcha unha papeleira en Lourizán, mudaron o discurso e puxeron todo tipo de trabas, polo que o proxecto acabou en Navarra. 

      ENCE Navia

      Se permitimos que lles salgan de novo as contas, a conclusión é que quen nos goberna no Concello, na Deputación de Pontevedra e no Goberno de España queren pechar ENCE para que Navia (Asturias) reciba todos os investimentos e creación de novos postos de traballo que esas forzas políticas non queren en Pontevedra. 

      Remate de manifestación

      Na intervención final de agradecemento á Autoridade Portuaria polo seu apoio á continuidade de Ence nos actuais terreos o ven adscribindo os mesmos a portos, Ana Cedeira, en nome das persoas que defenden os postos de traballo en Lourizán, lembrou que: «Non somos só as máis de cinco mil familias que vemos gravemente ameazada a nosa forma de vida e o noso sustento, senón tamén unha cidade e unha comarca que dificilmente poderían repoñerse dun golpe como o peche da súa principal industria».

      Ence para CCOO é moito máis ca a fábrica

      CCOO lembra que o posible peche de Ence iría moito máis aló da destrución dos postos de emprego directos vinculados á fábrica de Lourizán, pois son milleiros os postos de traballo que xera a actividade da pasteira, tanto en empresas auxiliares, como no porto de Marín e no sector forestal.

      A secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO, Amelia Pérez, a secretaria federal da FSC-CCOO, Juana Olmeda, e o secretario xeral da FSC-CCOO de Galicia, José Manuel Ramos, xa veñen mostrando o apoio do sindicato a esta xusta reivindicación, pois «a perda dunha empresa destas dimensións sería un golpe para toda a comarca pero tamén para Galicia».