FSC-CCOO Galicia | 3 mayo 2024.

1 Maio 2024:. POLO PLENO EMPREGO
  • Menú Documentos

    CCOO anuncia mobilizacións se o Goberno non paga o que lle debe ao persoal dos portos de titularidade estatal

      Portos do Estado e as súas 28 autoridades portuarias, que xestionan 45 portos de titularidade estatal, teñen retidos os incrementos salariais do seu persoal desde o ano 2021.

      30/05/2022.
      Autoridade portuaria Vigo

      Autoridade portuaria Vigo

      A ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana non paga o que lles debe aos seus traballadores e traballadoras nos portos de titularidade estatal. Portos do Estado e as súas 28 autoridades portuarias, que xestionan 45 portos de titularidade estatal, teñen retidos os incrementos salariais dos seus cadros de persoal desde o ano 2021. Na práctica, isto supón unha conxelación salarial inxusta e en contra das propias leis de orzamentos xerais do Estado dos dous exercicios, nas que se garantía ao conxunto de empregadas e empregados públicos unha suba do 0,9 % para o exercicio 2021 e do 2 % para o exercicio 2022, para todas as empregadas e os empregados públicos.

       

      Facemos extensible a responsabilidade da conxelación salarial de facto á propia ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, xa que foi oportunamente informada por este sindicato sen que se recibise máis resposta que a de encoller os ombreiros e mirar para outro lado, igual ca o Ministerio de Facenda.

       

      Así é a realidade dos traballadores e traballadoras de Portos do Estado e as Autoridades Portuarias, o conxunto de portos de titularidade estatal. Contan cun III Convenio Colectivo no que se están terminando de asignar as masas salariais do exercicio 2019, devagar, todo moi amodo. Na maraña da burocracia é onde se perden Portos do Estado e o propio Ministerio de Transportes, nas idas e vindas á CECIR (Ministerio de Facenda). Isto non tería máis relevancia ca a lamentable perda de tempo e recursos públicos, de non ser porque xogan, desde os seus despachos e co seu tedio burocrático, con máis de 5000 traballadores/as.

       

      Nun momento crítico para as familias, cando máis axuda e entendemento se precisa por parte do Goberno, os traballadores e traballadoras dos portos atopámonos sometidos a burócratas que xogan cos nosos salarios. CCOO, como sindicato de clase e representativo, vai proceder á convocatoria de mobilizacións de non recibir resposta. Queremos transmitirlle á cidadanía que esta é a realidade dos cadros de persoal dos portos de titularidade estatal. O Ministerio non paga nin o que lles debe aos seus propios traballadores/as que, coma calquera outra cidadá ou cidadán, se enfrontan a unha inflación galopante próxima aos dous díxitos cos seus soldos conxelados