FSC-CCOO Galicia | 29 abril 2024.

8M Todo o ano, todo o tempo. POLA IGUALDADE DE XÉNERO
  • Menú Documentos

    O laudo arbitral rexeita que Vitrasa poida recortar unilateralmente os soldos do persoal

      CCOO, sindicato maioritario no comité de empresa de Vitrasa, a concesionaria de transporte urbano de Vigo, congratúlase polo laudo arbitral que desestima integramente as pretensións da compañía, que pretendía recortar unilateralmente os soldos do persoal.

      06/07/2022.
      Manifestación do persoal de Vitrasa (19/5/2022)

      Manifestación do persoal de Vitrasa (19/5/2022)

      O árbitro designado pola comisión tripartita galega para a inaplicación de convenios colectivos decidiu «desestimar as pretensións [...] na súa totalidade». Entre outras cousas, Vitrasa pretendía deixar sen efecto o artigo 8.º do conveino colectivo —que afectaba ao horario do persoal de operación, taller e administración— así como o artigo 8.º, referente ás retribucións, para recortar un 30% os soldos.

      O laudo arbitral é moi duro coa concesionaria do transporte urbano vigués e, malia recoñecer que a compañía presentou perdas os anos 2020 e 2021, sinala que isto é «lóxico» polo impacto da pandemia, ao tempo que sinala que «pese ás perdas, a empresa conta cun patrimonio neto que nos anos 2020 e 2021 supera os 50 millóns deeuros e un fondo de maniobra que supera os 38 millóns de euros en 2020».

      Sistematicamente, o laudo rexeita todos os argumentos ofrecidos pola empresa para tentar xustificar a desvinculación respecto de varios artigos do convenio colectivo, especialmente no que se refire ao capítulo salarial. Neste punto, o laudo salienta que o gasto de persoal diminuíu en 2020 respecto do 2019 —ano inmediatamente anterior á pandemia— e, malia aumentar en 2021, segue estando por baixo do nivel previo á crise sanitaria.

      Para o mediador da comisión tripartita, a pretensión de Vitrasa é «un atallo» escollido pola empresa no canto de «seguir negociando» como se fixo en anos anteriores. «A xuízo de quen subscribe, considérase como un elemento máis que amosa a inadecuación da medida pretendida en relación coa causa alegada», subliña o mediador.