FSC-CCOO Galicia | 2 mayo 2024.

1 Maio 2024:. POLO PLENO EMPREGO
  • Menú Documentos

    CCOO critica que a Xunta aposte pola privatización das residencias á custa de deteriorar o emprego e a calidade

      O sector da Administración autonómica de CCOO critica que a Xunta de Galicia aposte pola privatización das residencias á custa de recortar emprego, empeorar as condicións laborais e minguar a calidade da atención. O caso máis recente é o do complexo de Cerdedo-Cotobade, acondicionado con diñeiro público e cuxa xestión pasará a mans privadas «para que unha empresa consiga notables beneficios».

      12/08/2022.
      O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, na visita á residencia cuxa xestión pretenden privatizar

      O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, na visita á residencia cuxa xestión pretenden privatizar

      Desde CCOO lembran que durante a pandemia se demostrou que os centros sociosanitarios de xestión pública directa da Consellaría de Política Social e do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar «foron máis eficientes e eficaces» nos coidados e atención das persoas residentes. Pola contra, os privados tiveron os peores datos, tanto de persoas falecidas e desatendidas, como en número de gromos.

      «Non entendemos como esa mala praxe empresarial volve ser premiada coa concesión da xestión de máis centros». A Xunta de Galicia investiu 2,2 millóns de euros na posta a punto da residencia «para que sexa agora unha entidade privada a que faga negocio», critica o sindicato.

      En Comisións rexeitan os argumentos da Consellaría, que pretende «vender» a privatización como un aforro no custo. «É rotundamente falso, pois as empresas privadas non prestan o servizo gratis», e reitera que «o coidado das persoas non pode ser un negocio en mans de multinacionais ou fondos voitre».

      Desde o sindicato lamentan que a Consellaría xa esquecese o que aconteceu nos centros privados durante os momentos máis duros da pandemia, que tiveron que ser reforzados con persoal público, o cal foi «testemuña directa» da falta de medios humanos e materiais con que se presta o servizo.

      Polo tanto, CCOO reitera a súa aposta por un modelo de centros residenciais de xestión pública directa e de calidade e pídelle á Xunta que desista de licitar a xestión privada destes complexos, «que deberían traballar canto antes con persoal público propio para un mellor benestar das persoas usuarias».