FSC-CCOO Galicia | 4 mayo 2024.

1 Maio 2024:. POLO PLENO EMPREGO
  • Menú Documentos

    CCOO reivindica o papel do persoal de intervención en ruta a bordo dos trens

      CCOO seguirá reivindicando a importancia da presenza a bordo de todos os trens do persoal de intervención en ruta para prestar un servizo de calidade ás usuarias e usuarios e colaborar para que, cando se dean situacións de emerxencia, estas se resolvan sen maiores consecuencias.

      23/08/2022.
      Renfe, Servicios a Bordo

      Renfe, Servicios a Bordo

      Unha vez pasados os primeiros momentos tras o incidente do tren de media distancia que houbo quedar cercado polo lume de Bejís, debemos tomar distancia, analizar o acontecido e canto do sucedido é susceptible de mellora.

      Facermos este exercicio require contar cunha gran dose de xenerosidade e altura de miras para sermos capaces de recoñecer que hai cousas que podemos mellorar e que nos engrandece sermos quen de admitir que é posible optimizar as nosas actuacións.

      Non hai sombra de dúbida ningunha sobre a actuación da maquinista que, desde o punto de vista de CCOO, foi exemplar; pero non podemos obviar que algo tivo que fallar para que un grupo importante de viaxeiras e viaxeiros do tren tomaran a decisión de baixarse del, desoíndo as instrucións da maquinista, coas consecuencias xa coñecidas.

      A estas alturas, non ten sentido negar que a presenza doutra persoa da empresa podería completar o labor realizado pola maquinista: colaborando con ela, tranquilizando, acompañando e orientando as persoas que se viron inmersas nesa situación tan extrema.

      Esa figura, ausente nese incidente o pasado 16 de agosto, é a do persoal de comercial de trens, ao que coloquialmente coñecemos como interventor ou interventora en ruta, que adoito ten as funcións do control ou expedición de billetes, atender as consultas e necesidades das persoas que utilizan os trens como medio de transporte: informar a quen necesita facer un transbordo para continuar viaxe, socorrer alguén que quedou atrapado no WC, intervir nunha situación de crispación entre viaxeiros ou actuar ante unha emerxencia médica, acompañar e custodiar os menores, auxiliar e procurar axudas para as persoas con mobilidade reducida, entre outras moitas situacións que acontecen no día a día nos trens.

      Pero, recoñecendo a importancia destas funcións á hora de asegurar a viaxeiras e viaxeiros un servizo de calidade, non podemos deixar de resaltar que os propios Plans de Actuación, Evacuación e Rescate en Trens de Renfe recollen que as funcións do persoal do colectivo de comercial «son as de atender as indicacións do persoal de condución, en todo o relacionado coa emerxencia e trasladalas ao persoal auxiliar e auxiliar de cabina en caso de ser necesario» e que, nestes mesmos plans de actuación, se reflicte que en casos de emerxencia, como é o de PARADA PROLONGADA OU INDEFINIDA, «o persoal do colectivo de comercial (interventor en ruta) deberá cumprir as indicacións recibidas do persoal de condución en relación con:— Informar os viaxeiros sobre o feito ocorrido, tratando de tranquilizalos.— Informar sobre o tempo estimado da demora (cando llo transmita o persoal de condución), evitando no posible os tempos de silencio ata a resolución da incidencia.— Insistir en que permanezan no interior do tren, advertindo do risco de atropelo existente, no suposto de abandonar o tren por propia iniciativa.»

      Por tanto, á luz do descrito, parece máis ca evidente que hai circunstancias que se poden intentar evitar ou minimizar e que o problema de fondo, que xera situacións como a acontecida a pasada semana, entre outros, é a falta de persoal na empresa pública Renfe que nos levou a abandonar unha parte do servizo que debemos prestar ás persoas usuarias dos trens.

      Desde CCOO demandamos a todos os actores afectados (empresa, Ministerio, AESF, etc.) que aprendamos do sucedido e poñamos os medios necesarios para que este tipo de escenarios non se repitan. Esta organización sindical seguirá reivindicando a importancia da presenza a bordo de todos os trens do persoal de intervención en ruta para prestar un servizo de calidade ás usuarias e usuarios e colaborar para que, cando se dean situacións de emerxencia, estas se resolvan sen maiores consecuencias.