FSC-CCOO Galicia | 20 mayo 2024.

1 Maio 2024:. POLO PLENO EMPREGO
  • Menú Documentos

    25 de novembro: ampliar o que non se ve. Facer visible o invisible

      Este 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, levamos a cabo unha campaña para abordar as diferentes formas de violencia que están ocultas, poñemos a lupa sobre elas para ampliar o que non se ve, para facelas visibles ao conxunto da poboación e para poder previlas.

      18/11/2022.
      campaña do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

      campaña do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

      FACER VISIBLE O INVISIBLE

      A violencia machista continúa sendo un grave problema social. Produce danos irreparables tanto nas vítimas como na sociedade, en ocasións irreparables, e que atentan contra as liberdades e dereitos fundamentais das persoas que a sofren: as mulleres. A súa orixe é a discriminación e a desigualdade dirixidas á muller ao longo da historia. Un dos obxectivos do Convenio de Istambul é «protexer as mulleres contra toda forma de violencia posible, e previr, perseguir e eliminar a violencia contra a muller e a violencia doméstica» e é a nosa obriga protexer as mulleres tamén no traballo.

      A forma de violencia machista máis evidente e con repercusións máis drásticas é a violencia física. Porén, existen outros tipos de violencia que pasan desapercibidos e son menos atendidos polos poderes públicos á hora de definir marcos de lexislación específicos para a súa erradicación e, por tanto, de máis difícil aplicación nos centros de traballo.

      Para abordar estas formas de violencia oculta é importante coñecelas e levar a cabo un labor de concienciación e sensibilización social. Debemos poñer a lupa sobre estas violencias, ampliar o que non se ve e facelas visibles ao conxunto da poboación para poder previr, evitar e protexer as mulleres nos centros de traballo a través dos protocolose acordos.

      Desde FSC-CCOO Galicia reivindicamos facer visible o invisible e que, coa participación de toda a nosa afiliación, formemos parte daquela xente que quere eliminar todo tipo de violencia contra as mulleres e as consecuencias devastadoras para a súa saúde física e mental. A erradicación da violencia machista é unha tarefa colectiva e fundamental: debemos unirnos para que a violencia contra as mulleres e aquilo que a sustenta por fin desaparezan.

       É imprescindible saber identificar os diferentes tipos de violencia machista que se executan contra as mulleres para tomarmos conciencia e podermos actuar contra elas tamén na esfera do traballo, dicindo basta á violencia de xénero nas súas distintas formas.

      A Violencia económica é unha forma de violencia que busca o control da muller mediante a privación, limitación ou control do acceso aos recursos económicos.

      A Violencia psicolóxica é unha forma de maltrato sen contacto físico, moi normalizada culturalmente a través de insultos, humillacións, desvalorización ou illamento.

      A Violencia vicaria exércese cos seres queridos da muller, tratando de lle causar un dano permanente.

      A Violencia contra as mascotas é a violencia cos animais de compañía que forman parte da unidade familiar. En ocasións constitúe un impedimento para que as mulleres vítimas de violencia de xénero abandonen o seu fogar, ao non poder levar as súas mascotas consigo.

      A Violencia dixital traslada ao plano virtual, en parte ou na súa totalidade, as agresións verbais, psicolóxicas e sexuais que se producen no plano físico e inclúe algunhas formas de violencia propias aproveitando a posibilidade de manter o anonimato en redes, como a difusión de vídeos de vinganza con carácter sexual, grooming ou extorsión.

      A Ciberviolencia de xénero a través de internet, correo electrónico, dispositivos electrónicos que se utilizan para vixiar, ameazar ou desacreditar.

      O Séxting non consentido co envío por medios telemáticos de fotografías de contido sexual ou erótico para desprestixiar a muller.

      A violencia simbólica encóntrase nas mensaxes que subordinan ou referencian estereotipos patriarcais contra as mulleres.

      A cousificación é a identificación da muller co seu corpo ou algunhas das súas partes, reducíndoa á condición de cousa.

      A Violencia institucional exércese desde distintos ámbitos: xurídico, educativo, sanitario, asistencial, de atención social, psicolóxica e mediático. Nela incorren os servidores públicos que obstaculicen ou impidan o exercicio dos dereitos das mulleres a través de accións como cuestionar a credibilidade da vítima

      A Violencia sexual é todo acto sexual (ou tentativa de consumalo) non voluntario, acoso e chantaxe sexual no traballo, tráfico de mulleres e prostitución forzada, elaboración de materiais pornográficos non consentidos, matrimonio forzado e mutilación xenital feminina. En moitas ocasións os comportamentos violentos que atentan de maneira directa contra os dereitos sexuais ou reprodutivos das mulleres están normalizados e son xustificados culturalmente.

      A Submisión química pode definirse como a agresión sexual, roubo, extorsión ou maltrato sufridos baixo a influencia de substancias psicótropas. Estas substancias adminístranse de forma subrepticia, aproveitando os seus efectos para cometer o delito debido á diminución da capacidade da vítima para identificar unha situación de perigo ou resistirse a unha agresión.