FSC-CCOO Galicia | 3 mayo 2024.

1 Maio 2024:. POLO PLENO EMPREGO
  • Menú Documentos

    CCOO denuncia o abuso do Concello de Padrón na contratación de auxiliares de policía

      O Concello intenta compensar ou encubrir a falta de efectivos no corpo da Policía local mediante o abuso na contratación de auxiliares, asignándolles funcións que non lles corresponden.

      21/03/2023.
      Concello de Padrón Auxiliares de Policía

      Concello de Padrón Auxiliares de Policía

      A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO interpón, na Dirección Provincial da Inspección de Traballo e Seguridade Social da Coruña (ITSS), unha denuncia contra o Concello de Padrón por presuntas infraccións de normas laborais, polo que considera un abuso na contratación de auxiliares de Policía local por parte do Concello.

      A relación de postos de traballo (RPT) do Concello de Padrón, aprobada unilateralmente polo Concello en 2021, reduciu o número de efectivos da Policía local a dez axentes e un oficial xefe; incumpre así a recomendación de 1,8 policías por cada mil habitantes contida na normativa autonómica en vigor no momento de aprobación da RPT. Segundo a recomendación establecida nesa normativa, no Concello de Padrón debería haber quince prazas de policía local. A día de hoxe, das once prazas de policía local recollidas na RPT (dez axentes e un oficial xefe), só seis están cubertas e quedan cinco vacantes. Ante esta situación, resulta evidente a falta de efectivos no corpo da Policía local do Concello.

      Nas tres últimas ofertas de emprego público (OEP) aprobadas no Concello, figuran, en total, catro prazas de policía local: unha praza na OEP 2020, unha praza na OEP 2021 e dúas prazas na OEP 2022; pero a día de hoxe ningunha delas está convocada. A maioría das restantes prazas ofertadas nas OEP mencionadas, exceptuando as de policía local e as de estabilización da OEP 2022, están xa executadas (con persoal nomeado e traballando) ou en proceso de execución (proceso selectivo convocado).

      Esta situación fainos pensar que a contratación de policías locais non é prioritaria para o Concello de Padrón e que vai cara a un desmantelamento progresivo do corpo; así mesmo, leva anos provocando unha insostible situación de falta de efectivos no corpo da Policía local que o Concello intenta compensar ou encubrir mediante o abuso na contratación de auxiliares de policía local (persoal laboral), asignándolles funcións que non lles corresponden como auxiliares (só poden desempeñar funcións de apoio e auxilio aos membros do corpo de Policía local) e fóra dos supostos incluídos no artigo 95 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de Policías locais.