FSC-CCOO Galicia | 9 mayo 2024.

1 Maio 2024:. POLO PLENO EMPREGO
  • Menú Documentos

    Persoal da CRTVG concentrarase diante do Senado na súa cuarta xornada de folga

      Traballadoras e traballadores da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) concentraranse diante do Senado mañá martes, 25 de abril, con motivo da cuarta xornada de folga intermitente convocada polo persoal da compañía pública desde o pasado mes de marzo. A protesta, baixo o lema «Non máis abusos», terá lugar cadrando coa sesión plenaria na que participará o expresidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, actualmente senador por designación autonómica.

      24/04/2023.
      Redacción da Televisión de Galicia durante a xornada de folga do 24 de marzo de 2023

      Redacción da Televisión de Galicia durante a xornada de folga do 24 de marzo de 2023

      Desde o comité da CRTVG culpan a Feijóo da «grave situación de manipulación informativa e represalias» na corporación pública, da que foi responsable durante o seu mandato como presidente galego entre os anos 2009 e 2022.

      Ademais, están previstas novas xornadas de folga os días 12 e 28 de maio, neste caso coincidindo coa apertura da campaña das eleccións municipais e co propio día das votacións, respectivamente.

      Os obxectivos da folga son reclamar a fin dos abusos, restablecer un clima laboral respectuoso cos dereitos das traballadoras e traballadores do ente público, realizar o estudo psicosocial acordado no comité de seguridade e saúde laboral, repoñer nos seus respectivos medios de orixe o persoal que —como represalia— foi trasladado da radio a internet ou televisión e da televisión á radio.

      Por último, tamén esixen que a dirección da CRTVG deixe de impoñer novas funcións no contexto do cambio tecnolóxico.