FSC-CCOO Galicia | 27 abril 2024.

8M Todo o ano, todo o tempo. POLA IGUALDADE DE XÉNERO
  • Menú Documentos

    CCOO esixe a extensión ao persoal de Política Social do acordo logrado no ámbito do Sergas

      O sector da Administración autonómica de COOO considera positivo o acordo logrado a pasada semana no ámbito da Consellería de Sanidade, na mesa sectorial do Sergas, para mellorar as condicións de traballo e retributivas na sanidade pública de Galicia. Ademais, esixe que este acordo se faga extensivo ao persoal que presta servizos na Consellaría de Política Social. Para este efecto, o sector da autonómica pide a apertura dunha mesa de negociación.

      24/04/2023.
      Concentración do persoal dos centros residenciais de Política Social (18-2-2021)

      Concentración do persoal dos centros residenciais de Política Social (18-2-2021)

      Entre as principais melloras no devandito pacto, o sector cita os aumentos retributivos; as notables reducións na xornada anual para os próximos tres anos —de xeito que se sitúe nas 35 horas no 2025—; o incremento das contías para as gardas, a atención continuada, a nocturnidade e o traballo en festivos para todas as categorías profesionais; ou a consideración de festivos dos días 24 e 31 de decembro.

      En contraposición, o persoal dos distintos centros que conforman a Consellería de Política Social e Xuventude —e o resto do persoal da Xunta de Galicia— «vén sufrindo recortes nos seus dereitos e retribucións desde o ano 2012, como consecuencia da entrada en vigor da Lei 1/2012, de medidas temporais no emprego público de Galicia».

      Actualmente, o persoal de Política Social non cobra máis por traballar en domingos ou festivos, nin dispón dun tempo adicional de descanso polo traballo realizado neses días. Tampouco goza da vantaxe que supón a consideración de festivos dos días 24 e 31 de decembro, ao tempo que a súa xornada laboral segue a ser de 37,5 horas semanais —como no ámbito do Sergas antes do asinamento do acordo xa mencionado.

      En consecuencia, CCOO acaba de dirixir un escrito á conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, para que, no marco das súas competencias «e como máxima responsable» do departamento, procure que as persoas traballadoras da súa Consellería «teñan e dispoñan das mesmas vantaxes e avances en recuperación de dereitos que os conseguidos para o persoal da sanidade pública galega».

      Manter a actual situación de recorte de dereitos dun colectivo de traballadoras que desenvolve funcións e presta servizos similares aos que presta o persoal sanitario, cando este acaba de conseguir importantes melloras nas súas condicións de traballo e retributivas, «sería inaceptable, inxusto e discriminatorio», abundan desde o sector da autonómica.

      Por todo isto, CCOO pide constituír «decontado» unha mesa de negociación que, tomando como referencia o acordo do Sergas, aborde a recuperación dos dereitos dos que gozaba o persoal da Consellería de Política Social, nomeadamente, a recuperación do descanso por traballo en domingos e festivos, a redución da xornada máxima anual, o incremento dos cadros de persoal para evitar a sobrecarga de traballo e rexuvenecer os cadros de persoal ou a conversión dos contratos a tempo parcial a xornada completa.