FSC-CCOO Galicia | 3 mayo 2024.

1 Maio 2024:. POLO PLENO EMPREGO
  • Menú Documentos

    CCOO lamenta o sufrimento ao que se somete as familias das vítimas do afundimento do pesqueiro 'Villa de Pitanxo' polas actuacións do Goberno de España

      CCOO reitera ao Goberno a necesidade dunha investigación rigorosa e seria do naufraxio do Villa de Pitanxo, baixo dirección técnica competente e supeditada ao que dispoña a autoridade xudicial.

      19/05/2023.
      Familiares vitimas Vila de Pitanxo

      Familiares vitimas Vila de Pitanxo

      O que non se pode poñer en dúbida é que a investigación do afundimento do pesqueiro Villa de Pitanxo en Terranova (Canadá) correspóndelle ao Xulgado central de Instrución número 2 da Audiencia Nacional, que debe ser quen garanta a legalidade das actuacións, da recollida de probas e a imparcialidade e profesionalidade da comisión investigadora. O feito de que calquera das partes poida poñer en dúbida a legalidade da expedición e a falta de supervisión xudicial pode xerar actuacións procesuais que invaliden os resultados da expedición e, polo tanto, unha parte importante da investigación.

      As autoridades non poden esquecer que só o tesón das familias das vítimas e as súas protestas conseguiron que  baixar ao pecio afundido sexa unha realidade, polo que só poden determinar as actuacións as consideracións técnicas e legais, con total respecto e en comunicación directa coas familias, tal e como parece que quedara acreditado coa reunión do delegado do Goberno central en Galicia e a representación das familias o pasado martes.

      CCOO transmitiulle novamente hoxe o seu apoio ás familias do Villa de Pitanxo e coidamos necesario que se activen os recursos previstos para dar cobertura e protección á expedición con todas as garantías legais e mantendo sempre a comunicación coas familias para evitar situacións de desconfianza como sucede coa partida do buque da empresa ACSM contratado para a operación de inspección. A boa nova de que por fin a expedición ía poñerse en marcha pasou a ser un novo desencontro entre o Goberno e as familias, xerando tamén un conflito competecial coa autoridade xudicial que pode atrasar de novo a localización e inspección do pecio.

      CCOO demanda ás autoridades políticas, xudiciais e empresariais que a investigación deste afundimento sexa áxil, profesional e concluínte, de maneira que se poidan mellorar e reforzar os protocolos e evitar novas traxedias, e sempre con total respecto á memoria das vítimas e protección das familias.