FSC-CCOO Galicia | 21 Novembro 2024.

iV CONCURSO DE DEBUXO FSC GALICIA 2024
  • Menú Documentos

    Ambulancias en loita: «imos por todas», advirten os sindicatos

      O persoal do sector das ambulancias tomou este mércores as rúas de Santiago de Compostela. «Imos por todas», advirte Raúl Rodríguez, responsable do sector de Estradas, Transporte e Loxística de CCOO. Esta mobilización sitúase no ecuador do calendario de folga, que foi un «éxito rotundo» os días 6 e 7 de xullo. As seguintes xornadas de folga serán os días 19, 20 e 21.

      12/07/2023.
      Manifestación en Santiago do persoal do sector das ambulancias (12/7/2023)

      Manifestación en Santiago do persoal do sector das ambulancias (12/7/2023)

      A manifestación tamén chega após a convocatoria dunha xuntanza por parte da Consellaría de Sanidade, á que acudiron os catro sindicatos que convocan a folga —CCOO, UGT, CIG e USO— e que critican a falta de interese polo conflito que ata o momento amosou a Xunta.

      Aumento descomunal da carga de traballo

      Segundo explican as organizacións sindicais, o incremento da carga de traballo foi «descomunal» nestes últimos anos, mais non aumentou na mesma dimensión o número de ambulancias. Ademais, no sector aínda hai empresas onde o persoal debe facer horas extras todos os meses, «sen cobralas ou mal pagadas», apuntan.

      Tamén denuncian que non se respecten nin os descansos nin as vacacións regulamentarias, ou que haxa empresas que non se fagan cargo da desinfección de uniformes —como esixe a lei—, pondo en risco a saúde do persoal e das súas familias.

      Ademais, critican que a «precariedade» dos concursos públicos prexudica o servizo: ambulancias deterioradas, ambulancias e bases sen limpeza e desinfección axeitadas, falta de material e outras cuestións.

      Os sindicatos sinalan directamente a patronal do sector, «que só procura o seu beneficio», pero tamén o Sergas, «porque ten a responsabilidade política e consente o que está acontecendo».