FSC-CCOO Galicia | 27 abril 2024.

8M Todo o ano, todo o tempo. POLA IGUALDADE DE XÉNERO
  • Menú Documentos

    CCOO denuncia o despedimento dunha traballadora da residencia de maiores de Vilalba para atemorizar o resto

      CCOO denuncia que o despedimento dunha traballadora na residencia de maiores de Vilalba (Lugo), xestionada pola Fundación Hospital Asilo, ten como obxectivo infundir temor no resto do persoal para que non reivindique os seus dereitos.

      21/08/2023.
      En primeiro termo, na mesa, Manuel Quiñoá, durante a conferencia de prensa en que se denunciaron os feitos

      En primeiro termo, na mesa, Manuel Quiñoá, durante a conferencia de prensa en que se denunciaron os feitos

      Nunha conferencia de prensa, o secretario xeral da Unión Comarcal de CCOO de Lugo, Manuel Quiñoá, sinalou que se trata dun «despedimento nulo», xa que os feitos que se lle imputan na carta de extinción da relación laboral «non son reais».

      O sindicalista incide en que «a causa alegada pola empresa é inexistente» e asegura que a traballadora foi despedida «polo feito de liderar as reivindicacións laborais do persoal da Fundación».

      Quiñoá sinalou que a propia carta menciona unha «perda de confianza» na traballadora polo seu labor reivindicativo, «verdadeira razón do despedimento». Deste xeito, a extinción do contrato constitúe unha «advertencia pública para infundir temor a posibles represalias no resto do colectivo».

      O secretario xeral de CCOO de Lugo reprochoulle á empresa que «empregue o poder disciplinario de xeito arbitrario como simple escusa para acabar coa relación laboral e desfacerse dunha traballadora que lle resulta molesta».

      Falta de persoal

      O despedimento da traballadora produciuse tras recolleren os medios de comunicación as queixas das traballadoras polas condicións de traballo no centro, fundamentalmente relativas á falta de persoal ou á non cobertura das baixas. «En vez de corrixiren a situación, despediron unha das denunciantes», censurou o voceiro de CCOO.