FSC-CCOO Galicia | 9 mayo 2024.

1 Maio 2024:. POLO PLENO EMPREGO
  • Menú Documentos

    Convocada folga no sector de eventos para o vindeiro 15 de setembro

      Os sindicatos CCOO, CIG, UGT e Tesgal convocan folga no sector de eventos, servizos e producións culturais para o vindeiro venres, 15 de setembro, ante a «intransixencia» da patronal para conseguir un convenio colectivo «digno». Ese mesmo día, ás 12 horas, haberá unha concentración na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

      08/09/2023.
      Folga no sector de eventos, espectáculos e producións culturais

      Folga no sector de eventos, espectáculos e producións culturais

      A representación sindical rexeita o «retroceso en dereitos» que pretende a patronal, utilizando como pretexto as «particularidades» deste sector. A modo de exemplo, unha das discrepancias entre sindicatos e empresas está na petición da parte social de limitar a xornada a un máximo de doce horas en situacións excepcionais, cun descanso mínimo de doce horas entre xornadas.

      Salientan os sindicatos que o conflito non está, polo tanto, nunha suba salarial, senón en conseguir que a patronal acepte para os profesionais deste sector «xornadas e descansos equiparables» aos doutros ámbitos profesionais.

      «Non é tan difícil entender que doce horas de xornada non pode ser a xornada habitual e que entre xornadas hai que descansar doce horas»; e que, se fosen precisas excepcións, «han estar claramente definidas e sen posibilidade de ser usada a excepción como norma habitual», inciden desde os sindicatos.

      Problemas financeiros

      Tamén rexeitan que o persoal do sector teña que asumir o custo dos problemas financeiros que causan os contratos de prestacións de servizos asinados polas empresas, cuxas condicións «as obrigan, en ocasións, a perder diñeiro, pero foron elas as que libremente os aceptaron e deberán asumir a solución».

      O que non pode ser é que «queiran derivar a responsabilidade no seu maior activo, as persoas traballadoras», e lembran que, igual que sobe o custo dos equipamentos, «teñen que subir os salarios para que as persoas traballadoras poidan vivir dignamente».