FSC-CCOO Galicia | 29 abril 2024.

8M Todo o ano, todo o tempo. POLA IGUALDADE DE XÉNERO
  • Menú Documentos

    O Tribunal Supremo dálle a razón a CCOO e prohibe empeorar as condicións ás persoas que teletraballan

      O Tribunal Supremo (TS) ditou unha sentenza dándolle a razón a CCOO e prohibindo o empeoramento das condicións laborais das persoas que teletraballan. Segundo a resolución do Alto Tribunal, as empresas non poden palicar descontos nas retribucións das persoas que teletraballan por mor de desconexións que impidan a prestación, nin obrigar a recuperar ese tempo. Tampouco poden cualificar de «tempo de descanso» o destinado a realizar as necesidades fisolóxicas.

      29/09/2023.
      Profesional teletraballando

      Profesional teletraballando

      Nun recurso de casación, o Supremo desbota as pretensións dunha empresa e confirma unha sentenza da Audiencia Nacional do 2021 que contiña dous pronunciamentos de especial relevancia para o persoal que teletraballa, os xa mencionados das incidencias na conexión e o uso do aseo.

      A acción xurídica partiu da Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO, que interpuxo unha demanda de conflito colectivo contra unha empresa concreta, Extel Contact Center, se ben os efectos son aplicables a calquera persoa en situación de teletraballo.

      Para CCOO, se nun centro de traballo hai algunha incidencia allea á empresa que provoca unha desconexión —fallo eléctrico, caída da conexión ou similares—, a persoa traballadora non é obrigada a recuperar ese tempo, nin se lle desconta do salario. Polo tanto, non se pode facer unha interpretación distinta nos casos de teletraballo, como agora ratifica a Xustiza, pois do contrario estaríase a vulnerar o principio básico de igualdade de trato, oportunidades e non discriminación.

      Tamén defendeu CCOO que a atención ás necesidades fisiolóxicas «non son un descanso nin unha pausa ao longo da xornada laboral». Interpretalo doutro xeito, abundaba o sindicato na súa denuncia, sería atentar contra a integridade física, así como contra o respecto á intimidade e dignidade das persoas traballadoras que ampara a lexislación —tanto o Estatuto dos traballadores como a normativa de prevención de riscos laborais.