FSC-CCOO Galicia | 28 abril 2024.

8M Todo o ano, todo o tempo. POLA IGUALDADE DE XÉNERO
  • Menú Documentos

    CCOO esíxelle ao Concello de Pontevedra que «cese na vulneración de dereitos laborais» do seu persoal

      Comisións Obreiras (CCOO) esíxelle ao Concello de Pontevedra que «cese na vulneración de dereitos laborais» do seu persoal. Os servizos xurídicos do sindicato acaban de conseguir, en procedemento abreviado, que o Xulgado do Contencioso-Administrativo n.º 3 lle recoñeza a un policía xubilado a indemnización a que tiña dereito por asistir como testemuña a un xuízo a petición do Concello.

      06/10/2023.
      Extracto da sentenza gañada polos servizos xurídicos de CCOO

      Extracto da sentenza gañada polos servizos xurídicos de CCOO

      O procedemento tiña relación coa actividade policial do axente cando estaba en activo e a lexislación recoñécelles ás testemuñas unha compensación polos gastos, que correrá a cargo de quen os propón, neste caso a Administración local pontevedresa.

      Como sinala a sentenza, o artigo 3715.1 da Lei de axuizamento criminal establece que as testemuñas que declaren a instancia de parte «teñen dereito a unha indemnización polos gastos e prexuízos que lles ocasionar a súa comparecencia, que debe ser aboada pola parte propoñente» —isto é, o Concello de Pontevedra.

      Para CCOO, a negativa do Goberno local a aboar a dita compensación é aínda máis grave, xa que o III Acordo regulador do persoal funcionario do Concello de Pontevedra «establece unha indemnización especial para os policías cando se efectúen comparecencias ante as autoridades xudiciais e fiscais».

      Malia que este policía xubilado non podía ser indemnizado por conceptos como prexuízo económico —a comparecencia non lle ocasionou gastos— ou lucro cesante —non ten actividade económica ao estar xubilado—, si solicitaba unha compensación polo tempo investido en acudir ao xulgado e ficar nel ata rematar a súa intervención.

      Neste sentido, a sentenza do xulgado pontevedrés é «contundente» —en opinión de CCOO—, pois estima que «o tempo é a posesión máis valiosa e é un dos bens máis prezados pola persoa, independentemente de se está en activo como se xa está xubilado».

      Por esta razón, e atendendo ao xeito en que o Concello de Pontevedra fixa as indemnizacións para os funcionarios públicos que acoden aos xulgados fóra das horas de servizo, a resolución xudicial determina unha indemnización para a testemuña de 46,38 euros —xa aboados, pois non se presentou recurso.

      CCOO considera que esta cantidade «obviamente non cobre os trámites nin o tempo empregados por este traballador e a asesoría xurídica do sindicato», pero pon de manifesto «un abuso máis» do Concello de Pontevedra, «negándolle un dereito a un policía que se xubilou despois de máis de 36 anos de servizo».

      Para CCOO, os gastos que supón a tramitación dos expedientes no Concello de Pontevedra e na Administración de Xustiza «non os pagarán, por desgraza, nin o alcalde, Fernández Lores; nin o director xeral de Policía, Macenlle Díaz; nin o exdirector de recursos humanos e actual xefe da Policía local, González Abal, responsables da decisión. Pagaranse, coma noutros casos, con cargo aos fondos públicos».

      Por este motivo, CCOO anima a oposición municipal —PP e PSOE— a que revise as políticas de denegación de dereitos laborais no Concello, «reflectidas en multitude de escritos presentados por traballadores e sindicatos, e que soliciten as sentenzas en que o Concello foi condenado desde o 2016».

      Por último, o sindicato coida que «hai motivos suficientes» para pedirlle explicacións ao alcalde e que o Goberno local ten que «reconducir de maneira inmediata esta política de ataque e abuso, especialmente aos colectivos de Policía e Bombeiros, que pon en grave risco a garantía dos dereitos laborais con criterios de obxectividade, igualdade, transparencia e suxeición ao interese xeral».