FSC-CCOO Galicia | 2 mayo 2024.

1 Maio 2024:. POLO PLENO EMPREGO
  • Menú Documentos

    CCOO esixe que as sete novas residencias de maiores sexan de xestión pública directa e dotadas de persoal público

      Comisións Obreiras (CCOO) esixe que as novas residencias de maiores sexan de xestión pública directa e que estean dotadas con persoal público. O sector da Administración autonómica do sindicato critica que estas cuestións non quedaron aseguradas no acto do pasado 24 de outubro, no que se lle entregou á Xunta de Galicia a nova residencia de Santiago de Compostela.

      30/10/2023.
      CCOO defende que o persoal destas residencias debe ser público

      CCOO defende que o persoal destas residencias debe ser público

      A falta de claridade sobre estes aspectos «lévanos a pensar que pretenden continuar pola senda da privatización —baixo a eufemística fórmula de xestión indirecta— de servizos públicos esenciais», advirte o sindicato.

      A nova residencia compostelá, situada no barrio do Castiñeiriño, conta con 120 prazas para a súa incorporación á rede pública autonómica; quedan pendentes outras seis que suporán un total de 900 novas prazas, situadas en Ferrol, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

      Xa o anterior presidente, Alberto Núñez Feijóo, prometera a comezos do 2017 a construción de sete novas residencias públicas para persoas maiores —unha en cada cidade—, anuncio que incumpriu reiteradamente pois, pasados seis anos, aínda se fai agora entrega da primeira delas, cuxa apertura está prevista para o primeiro trimestre do 2024. Ademais, non a construíu o Goberno galego, senón que a iniciativa foi privada —neste caso, a través da Fundación Amancio Ortega.

      CCOO tamén lle afea á Xunta que tanto a construción como entrega destes equipamentos se estea facendo «con pouca ou nula información» aos representantes do persoal traballador da Consellaría de Política Social, especialmente no que atangue ao tipo de xestión que van ter. «Parece estar todo tinguido de electoralismo de precampaña», apunta o sindicato.

      CCOO pide explicacións

      Ante a falta de claridade, CCOO solicitou unha xuntanza urxente coa conselleira de Política Social e Xuventude «para que nos informe de primeira man» sobre cal vai ser o sistema de cobertura dos postos destes centros residenciais de persoas maiores, así como para esixirlle que sexan de xestión pública directa e, por tanto, que o seu persoal pertenza á Xunta de Galicia e teña a condición de empregado público.

      Cabe lembrar que, durante a pandemia da covid-19, os centros residenciais para persoas maiores de xestión pública directa «foron os que mellor o fixeron» nos momentos máis complicados, «e tamén onde os índices de contaxio e morbilidade foron menores e as taxas de supervivencia superiores», subliña CCOO.

      Por isto, Comisións considera que as persoas maiores «non poden ser obxecto de negocio das empresas privadas, que fan caixa coa súa saúde e benestar», polo que reclama que se recoñeza que durante a pandemia foi o persoal das residencias de xestión pública directa «o que mellor preparado estaba para atender os residentes dos seus centros e mesmo reforzar e atender outros centros privados».