FSC-CCOO Galicia | 2 mayo 2024.

1 Maio 2024:. POLO PLENO EMPREGO
  • Menú Documentos

    CCOO denuncia a «covardía» da Xunta por pretender ocultarlle á cidadanía o modelo de xestión privada das novas residencias

      CCOO denuncia a «covardía» da Consellaría de Política Social e Xuventude, que «pretendía ocultarlle á opinión pública» o modelo de xestión privada das sete novas residencias de maiores «regaladas pola Fundación Amancio Ortega». CCOO rexeita esta decisión, recentemente confirmada.

      09/11/2023.
      Visita de Alfonso Rueda e outros cargos públicos á nova residencia de maiores de Santiago de Compostela | Foto: Xunta.gal

      Visita de Alfonso Rueda e outros cargos públicos á nova residencia de maiores de Santiago de Compostela | Foto: Xunta.gal

      O sector da Administración autonómica do sindicato coida «moi grave» a confirmación de que a nova residencia de Santiago de Compostela —que se lle acaba de entregar á Xunta— «continuará a senda da privatización, baixo a eufemística fórmula de xestión indirecta de servizos públicos esenciais».

      A nova residencia compostelá, situada no barrio do Castiñeiriño, conta con 120 prazas e suporá un desembolso para as arcas públicas de máis de 2,5 millóns de euros anuais, tendo en conta que a de Arteixo é para 64 persoas usuarias e lle está a custar á Xunta a metade desa cantidade. «Polo tanto, as outras seis residencias pendentes de entrega custarán algo máis de 15 millóns de euros anuais», sinala CCOO.

      O sindicato lembra que o anterior presidente, Alberto Núñez Feijóo, prometera a comezos do 2017 a construción de sete novas residencias públicas para persoas maiores —unha en cada cidade—, anuncio que incumpriu reiteradamente pois, pasados seis anos, nin as construíu o Goberno galego —foi unha fundación privada — nin quere asumir a súa xestión pública directa.

      CCOO tamén denuncia que tanto a construción como a entrega destes equipamentos se estea facendo «con pouca ou nula información» a representantes do persoal traballador da Consellaría de Política Social, máxime cando o sindicato pediu en reiteradas ocasións unha xuntanza coa conselleira, sen ter ata hoxe resposta ningunha.

      Comisións Obreiras lamenta que a Xunta siga defendendo a privatización dos centros residenciais malia que o peso das prazas públicas «é mínimo»: dos 357 centros, só 71 (19,88 %) son públicos de xestión directa —o que representa 5016 prazas— fronte aos 286 centros e as 21 952 prazas (80,11 %) da iniciativa privada. Deste xeito, nunha comunidade moi avellentada —máis do 25 % dos habitantes teñen 65 ou máis anos—, o total de prazas de residencias só chega ao 3,5 % desa poboación, «aínda lonxe do mínimo do 5 % que recomenda a OMS».

      CCOO desmente os argumentos da Consellaría

      Segundo CCOO, «non é certo» que ás persoas usuarias e ás súas familias non lles importe o modelo de xestión. «A cidadanía en xeral defende os servizos públicos de xestión directa que se pagan cos impostos de todos e de todas, e non os servizos privatizados, que acaban sendo máis caros e de peor calidade», sinala.

      «Tampouco é certo que darlle a xestión a unha organización social sen ánimo de lucro signifique que vaia ser máis barato ca a xestión directa», puntualiza CCOO, que ademais cuestiona que as entidades xestoras correspondan a esa tipoloxía. Por exemplo, a residencia de Arteixo xestiónaa unha UTE e a de Viana a Fundación Valdegodos, «e ningunha das dúas traballa gratis», apunta. «O beneficio que consegue a entidade adxudicataria é a diferenza entre o que lle paga a Xunta por desentenderse da xestión e o custo real do servizo prestado», aclara.

      Desde CCOO conclúen que coa privatización é a cidadanía a que perde, que «paga máis por un peor servizo», e tamén as persoas traballadoras, «que ven empeoradas as súas condicións económicas e laborais», ao tempo que «se alimenta o clientelismo político partidista coa transferencia de recursos públicos a empresas afíns».